Shina Novalinga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaShina Novalinga
Biografía
Nacemento1998 Editar o valor em Wikidata (25/26 anos)
Puvirnituq, Canadá Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCanadá Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónthroat singer (en) Traducir , activista Editar o valor em Wikidata

Instagram: shinanova TikTok: shinanova Discogs: 9693343 Editar o valor em Wikidata

Shina Novalinga (en inuktitut: ᓯ̵ᓇ ᓄᕙᓕᓐᒐ), nada no ano 1998[1] en Puvirnituq, é unha personalidade de Internet, cantante e activista inuk canadense. Gañou recoñecemento após subir vídeos facendo canto de gorxa inuit coa súa nai en TikTok e Instagram. En xullo de 2021 tiña arredor de 2 millóns de seguidores en TikTok.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aínda que naceu en Puvirnituq, Nunavik, mudouse coa súa nai Caroline Novalinga a Montreal cando tiña catro anos. Descríbese a si mesma como medio inuk e medio quebequesa.[2] Novalinga aprendeu a falar a lingua inuktitut coa súa nai e comezou a practicar o canto de gorxa cando tiña sete anos.[2]

Na primavera de 2021, Novalinga graduouse en Xestión Empresarial no John Abbott College no Quebec. Tamén comezou un programa dun ano de Estudos Inuit na Nunavik Sivunitsavut en Montreal en outono de 2021.[3]

Canto de gorxa inuit[editar | editar a fonte]

O canto de gorxa inuit é unha práctica cultural que foi prohibida a comezos do século XX polos misioneiros critiáns por considerala "satánica", polo que estivo a piques de desaparecer. En Puvirnituq, a nai de Novalinga foi unha das catro mulleres que aprenderon a técnica para transmitírllela ás seguintes xeracións.[2]

Novalinga subiu o seu primeiro vídeo practicando o canto de gorxa a TikTok en marzo de 2020, e dende aquela subiu ducias de vídeos semellantes. Neles pódese ver como Novalinga e a súa nai cantan xuntas usando a gorxa e o diafragma para producir diferentes sonoridades.[2] Novalinga tamén destaca a importancia desta práctica na súa relación coa súa nai e tamén na cultura inuit:

O canto de gorxa é importante na nosa cultura porque case se perdeu por culpa dos misioneiros. Agora estamos recuperándoo e transmitíndoo para manter esta práctica viva. O canto de gorxa permítenos conectar co son da natureza e cos animais. Permítenos conectar cos nosos devanceiros, a nosa alma e a nosa voz. A conexión que teño coa miña nai medra a medida que cantamos xuntas. Sempre é un momento fermoso para nós as dúas.[4]

En xuño de 2021, Novalinga publicou un álbum coa súa nai e co produtor canadense Simon Walls, Mother and Daughter Throatsinging.[5]

Moda[editar | editar a fonte]

Novalinga tamén usa a súa plataforma para dar a coñecer a roupa tradicional inuit. Promociona roupa feita a man con peles locais da súa nai Caroline, entre as que se inclúen anoraks (atigik), arracadas, luvas (paaluk), gorros (nasaks) e botas (kamiks).[4]

En 2021, Novalinga fixo de modelo para unha campaña de publicidade de Sephora cun elenco e equipo de traballo completamente indíxena para celebrar o Mes da Historia Indíxena do Canadá.[6][7]

Activismo indíxena[editar | editar a fonte]

Novalinga manifestou en redes o seu desexo de divulgar a cultura inuit e a súa historia. Tamén fai colaboracións con creadores cree como o bailarín James Jones e a modelo Michelle Chubb.[8] Ademais, creou vídeos[9] tratando temas como a historia de opresión e asimilación das escolas residenciais indíxenas do Canadá e a desaparición e asasinato de mulleres indíxenas.[4][10]

Novalinga tamén usa a súa plataforma para apoiar diferentes causas benéficas, chegando a recadar 12 000$ para un refuxio para mulleres indíxenas no Quebec en decembro de 2020.[11]

No verán de 2021 subiu numerosos vídeos reaccionando ao descubrimento de cemiterios de nenos nas escolas residenciais indíxenas canadenses.[12]

Discografía[editar | editar a fonte]

Título Detalles
Mother and Daughter Throatsinging
  • Publicado o: 14 de xuño de 2021
  • Selo: autopublicado
  • Formatos: CD, streaming e descarga dixital

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ritchot, Melanie (23 de febreiro de 2021). "Nunavik-born throat singer showcases Inuit culture on TikTok". Nunatsiaq News. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Foden, Stephanie; Balsam, Joel (15 de abril de 2021). "A revival of Indigenous throat singing". BBC. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  3. Kunze, Jenna (29 de maio de 2021). "Indigenous Throat Singers a Hit on TikTok". Native News Online. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Allaire, Christian (8 de novembro de 2020). "This Inuk Throat Singer Is Bringing Cultural Pride to TikTok". Vogue. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  5. "WE MADE AN ALBUM!!!!!!😳🎉". Instagram. 14 de xuño de 2021. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  6. "Winnipeg Cree influencer featured in Sephora's first Indigenous history month ad campaign". CBC. 13 de xuño de 2021. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  7. "Sephora Canada Amplifies Indigenous Voices with its First-ever National Indigenous History Month Campaign". Cision News. 3 de xuño de 2021. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  8. Nath, Ishani (19 de marzo de 2021). "An Interview with Shina Novalinga – Air Canada enRoute". enRoute - AirCanada. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  9. "Our voices matter". TikTok. 20 de agosto de 2020. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  10. Young, Robin; McMahon, Serena (15 de abril de 2021). "Shina Novalinga Uses Social Media To Preserve, Celebrate Inuit Throat Singing". WBUR. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  11. Rodríguez, Jeremiah (24 de xaneiro de 2021). "This Inuk throat singer and her mom are keeping their culture alive on TikTok". CTVNews. Consultado o 4 de xullo de 2021. 
  12. "TW! #residentialschool #indigenous #CancelCanadaDay #orangeshirtday". TikTok. xuño de 2021. Consultado o 4 de xullo de 2021.