Segunda guerra macedónica
A segunda guerra macedónica (200–197 a.C.) foi un enfrontamento entre Macedonia dirixida por Filipo V e Roma, aliada con Pérgamo e Rodas. O resultado foi a derrota de Filipo que como consecuencia tivo que abandonar todas as súas posesións en Grecia. Malia os romanos declararen a "liberdade dos gregos", a guerra marcou un fito significativo no incremento da intervención romana nos asuntos do Mediterráneo oriental que habería conducir á conquista de toda a rexión[1], e por outra parte iniciou un período de cambio social e cultural na propia Roma [2].
Contexto
[editar | editar a fonte]No ano 204 a.C morreu o rei Tolomeo IV Filopator de Exipto, deixando o trono ao seu fillo de sei anos, Tolomeo V. Filipo de Macedonia e Antíoco o Grande do Imperio Seléucida decidiron axudarse desta situación tomando territorio tolemaico e asinando un pacto secreto[3] no que definían as esferas de interese. Filipo primeiro interesouse polas cidades estado gregas de Tracia e dos Dardanelos. O seu éxito en conquistalas, como foi o caso de Cíos preocupou a Rodas e Pérgamo que tamén tiñan interese na área. En 201 a.C., Filipo lanzou unha campaña en Asia Menor, asediando a cidade tolemaica Samos e entrando en Mileto. De novo, isto desconcertou a Rodas e Pérgamo e Filipo respondeu devastando o territorio de Pérgamo, e logo invandindo Caria, mais os rodios e pergamicenses conseguiron bloquear a súa frota en Bargilia, forzándoo a pasar o verán co seu exército nun territorio que ofrecía moi pouco aprovisionamento.
Rodas e Pérgamo, aínda moi temerosas de Filipo, enviaron un chamamento a Roma, entón o máis poderoso estado do Mediterráneo.
Interese de Roma polo Mediterráneo oriental
[editar | editar a fonte]Roma emerxera vitoriosa na segunda guerra púnica contra Haníbal, ata entón apenas tivera interese nos asuntos do Mediterráneo oriental. A primeira guerra macedonia Roma contra Filipo V polo control de Iliria e acabou na Paz de Fenice en 205 a.C.. Moi poucas das accións posteriores en Tracia e Asia Menor concernían a Roma, pero Rodas e Pérgamo apelaron a Roma, e esta enviou tres embaixadores a Grecia, que atoparon nas cidades gregas pouco entusiasmo en ir á guerra ata que chegaron a Atenas, onde se reuniron co rei Atalo I de Pérgamo e diplomáticos de Rodas; polo mesmo tempo, Atenas declarou a guerra a Macedonia e Filipo enviou unha forza para invadir Ática. Os embaixadores romanos celebraron unha xuntanza co xeneral macedonio e instou aos macedonias a deixar as cidades gregas en paz e chegar a un acordo con Rodas e Pérgamo para acordar compensacións pola última guerra. O xeneral macedonio evacuou o territorio ateniense e comunicou o ultimato romano a Filipo.
Filipo, que conseguira pasar o bloqueo e volvera ao seu reino, rexeitou o ultimato e proseguiu o seu ataque a Atenas e comezou outra compaña nos Dardanelos, cercando a cidade de Abidos, onde no outono de 200 chegou un embaixador romano cun segundo ultimato, no que lle requiría que non atacase ningunha cidade grega nin tomase territorio de Tolomeo e para mais ir a unha arbitraxe con Rodas e Pérgamo. Pero xa ao tempo forzas romanas desembarcaban en Iliria facendo a guerra inevitable pese ás protestas de Filipo declarando que non violara termo ningún da Paz de Fenice.
A guerra
[editar | editar a fonte]Filipo atopou poucos aliados en Grecia, pero tamén había pouco entusiasmo pola causa romana, aínda se lembraba en Grecia as brutalidades das lexións romanas durante a primeira guerra macedónica. Moitos estados adoptaron unha política de esperar a ver por onde ía a guerra. Durante os primeiros dous anos, as campañas romanas foron pouco brillantes. As forzas romanas baixo o mando de Publio Sulpicio Galba non conseguiu desbloquear os pasos cara a Macedonia e fixo pouco progreso contra Filipo e o seu sucesor, Publio Villio, tivo que sufocar unha sublevación dos seus propios homes. No 198 o mando pasou a Tito Quincio Flaminio, un xeneral novo, ardente filoheleno e con dotes diplomáticas, iniciou unha nova política para gañar a guerra, demandándolle a Filipo a retirada de todas as gornicións das cidades gregas e o confinamento das súas forzas en Macedonia, presentando así a Roma como unha forza liberadora [4].
Flamino dirixiu unha campaña enérxica contra Filipo no ano 198, forzando a recuar ata Tesalia. As cidades da Liga Aquea, tradicionalmente favorables a Macedonia, estiveran ocupadas na súa guerra contra Esparta para axudar a Filipo e o éxito de Roma persuadiu a moitas delas a abandonar a súa alianza co macedonio, porén outras como foi o caso de Argos, permaneceron leais a Filipo.
O rei macedónico quedou illado[5] e declarou o seu empeño en chegar a un acordo de paz, pero este seu desexo chegou nun momento crítico para Flaminio, xusto cando se ían celebrar eleccións en Roma. Flaminio degoxaba levar o crédito por rematar a guerra pero non sabía se o seu comando se había prolongar. Decidiu negociar con Filipo mentres esperaba o resultado das eleccións. Flaminio e Filipo axuntáronse en Nicaea na rexión de Lócrida en novembro de 198. Flaminio insistiu en que todos os seus aliados deberían estar presentes nas negociacións e reiterou as súas demandas que Filipo se retirase da totalidade de Grecia, Filipo non estaba disposto a ir tan lonxe, aínda que si a se retirar das súas recentes conquistas en Tracia e Asia Menor, Flaminio persuadiuno que era unha insistencia dos estados gregos e suxeriu que debería enviar unha embaixada ao Senado romano. Filipo seguiu o seu consello pero nese momento ao saber Flaminio que se renovara o seu comando as negociacións de paz remataron. Filipo quedou só, coa única excepción de Acarnania e viuse forzado a incorporar un exército de 25.000 mercenarios. As lexións de Tito confrontáronse con el vencérono en Aous. Non obstante o encontro definitivo foi en Cinoscéfalos en Tesalia en xuño de 197 a.C., ao derrotaren as lexións de Flaminio á falanxe. Filipo quedou forzado a aceptar unha paz segundo os termos romanos.
A paz de Flaminio
[editar | editar a fonte]Declarouse un armisticio e as negociacións de paz fixéronse no Val do Tempe. Filipo concordou en evacuar a totalidade de Grecia e renunciar ás súas conquistas en Tracia e Asia Menor. Os aliados de Flaminio da Liga Etolia fixeron tamén reclamacións territoriais a Macedonia pero Flaminio rexeitou discutilas. Ao se enviar o tratado a Roma, o Senado engadiu os seus propios termos: Filipo debería pagar unha indemnización de guerra e desarmar a súa mariña. No ano 196 asinouse finalmente a paz e nos Xogos Ístmicos de Corinto dese ano Flaminio proclamou a liberdade dos gregos, con gran ledicia dos presentes[6]. Os romanos mantiveron gornicións en cidades estratéxicas que pertenceran aos romanos, como Corinto, Calcis e Demetrias e as lexións non se evacuaron totalmente ata o ano 194.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dmitriev, S. 2011. Second Macedonian War (200–197 BCE). The Encyclopedia of War
- ↑ A. E. Astin The Cambridge Ancient History: Rome and the Mediterranean to 133 B.C. Cambridge University Press (1989), p. 434
- ↑ Werner Dahlheim, Struktur und Entwicklung des romischen Volkerrechts im dritten und zweiten Jahrhundert v. Chr (1968). Beck. Múnic p. 240
- ↑ Graham Shipley El mundo griego después de Alejandro 320-30 a.C.. Crítica, Barcelona (2001), p. 353. Edición orixinal en inglés: The Greek World After Alexander 323–30 BC. Routledge. (2000)
- ↑ José Manuel Roldán Hervás Historia de Roma. Universidad de Salamanca (1995), p. 131
- ↑ Francico Javier Gómez Espelosín Historia de Grecia en la Antigüedad. Akal. Madrid (2011), p.220