Saltar ao contido

Santa María de Neda, Neda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santa María de Neda
Igrexa de Santa María de Neda.
ConcelloNeda[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°29′59″N 8°08′58″O / 43.4998, -8.1495
Poboación3.015 hab. (2018)
Entidades de poboación61[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Neda é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Neda. Segundo o IGE en 2018 tiña 3.015 habitantes (1.558 mulleres e 1.457 homes) distribuídos en 61 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 3.811 habitantes. Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Igrexa Santa María de Neda. A súa construción data do século XVIII cun estilo arquitectónico barroco ben definido. Atópase rodeada por un amplo atrio e caracterízase pola súa construción nunha nave de tres tramos, dous deles rectangulares e o correspondente ao cruceiro cuadrangular. Un arco triunfal de medio punto delimita os espazos da nave e o presbiterio. Está dividida en tres planos, no central superpóñense unha porta rectangular moldurada, un oco octogonal, unha fornela e unha torre campanario por dous corpos (o primeiro con catro machóns que dan lugar aos ocos onde se colocan as campás, mentres o segundo está formado por unha cúpula sobre tambor). No interior, consérvase e protéxese no Altar Maior, o Cristo da Cadena de orixe inglesa pertencente á época de Tudor.

Esta igrexa tamén alberga un importante cruceiro, que se levanta sobre tres chanzos de granito, hexagonais e cos cantos bocelados. O pedestal, así como a columna e a cruz son de serpentinita ou pedra de Moeche moi abundante na zona e máis fácil de traballar que o granito. O capitel é amplo, adornado con volutas nas esquinas e follas lanceoladas nas caras. Está rematado cun ábaco moldurado, de caras rectas. A cruz é de sección oitavada, cos extremos abertos en flor de azucena con botón central. Acolle as imaxes de Cristo no anverso e tallada ao modo tradicional, e a Virxe das Dores no reverso, en actitude orante, de menor tamaño e situada máis abaixo.

Pazo da Merced. As primeiras edificacións que se levantan nos terreos do Pazo datan de finais do século XVI, Tratábase dun conxunto de varias construcións con dous edificios situados en “L”, dos cales só se conserva un, e unha pequena capela de estilo barroco en honra a Virxe da Merced. No século XVIII a familia Somalo, propietaria do edificio, fundou a fábrica de curtidos da Florida, engadindo á estrutura uns pavillóns anexos a tal fin. A mediados do século XIX, o Pazo da Merced funcionaría como convento Franciscano e xa no século XX pasaría a mans de Francisco Cebreiro. En maio de 1978 o arquitecto Alfredo Alcalá mercou e restaurou o edificio para convertelo en 1991, na primeira Casa de Turismo Rural da provincia da Coruña.

Muíño da Cruz do Pouso. Foi construído a finais do século XIX. Está situado na cara sueste do Monte de Ancos, preto da aldea da Cruz do Pouso e da estrada que comunicaba Ferrol con Vilalba e Ortigueira. Dende as súas orixes foi utilizado para a fabricación de pólvora.

O castro de Ancos relacionouse coa poboación prerromana de Libunca, da que non se coñece a localización exacta. A lenda di que o monte de Ancos está oco e cheo de auga, e que se un día rebenta, Neda desaparecerá.

Xunto ao castro de Ancos está a Fonte da Aureana, tamén chamada Fonte de Laureana ou Manancial de Laureana. No século XX houbo unha fábrica de gasosas no lugar, que incluían nos envases o texto "Aguas de la Basana, del manantial de Laureana".

A fonte debe o seu nome a unha lenda que di que a noite de San Xoán, se hai lúa chea, aparece unha galiña con pitos de ouro. Hai moitos anos había un home que tiña tres fillas: Laureana, Aureana e Ana. Cando o pai das tres irmás quedou viúvo volveu casar cunha muller mala que trataba moi mal ás fillastras. Tal mal as atendía que unha vez transformounas en queixos e ata lle cortou un anaco a un deles. Naquel momento un raio certeiro fendeu unha árbore que había cabo da casa, e das raíces gurgullaron tres cabalos. Dous dos cabalos fuxiron pero o terceiro, era coxo, non puido; os cabalos eran as fillas do home que a malvada madrasta convertera en queixos e o terceiro correspondía co queixo cortado, ou sexa era a irmá máis vella chamada Laureana. O cabalo coxo converteuse en fonte, na cal aparece a galiña con pitos de ouro para dar unha volta arredor da fonte e despois volver ao seu lugar entre as augas.

A Festa do Pan supón un evento anual de exaltación do produto gastronómico por excelencia da Vila de Neda. A festa pretende promover, exaltar e dignificar o labor das forneiras e forneiros de Neda. Dende o ano 1989 vense celebrando con continuidade, organizada nos seus inicios pola Asociación de Veciños Ancos e facéndoa coincidir co remate das festas de Santa María de Neda, o primeiro domingo de setembro. A festa celébrase no recinto feiral de Albarón, pero a partir da XIX edición (2013) trasladouse ao Paseo Marítimo de Xuvia, á altura do Albergue de Peregrinos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Santa María de Neda

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Santa María de Neda no concello de Neda

Albarón | Os Alcallás | Ardá | As Augas | A Bacela | Balvís | As Barreiras | O Basteiro | Bernés | A Buída | O Cal | Camiño da Mercé | Camiño da Ponte Grande | O Camiño Vello | O Carballal | O Carreiro | Casadelos | O Castiñeiro | Os Castros | Combarro | Conces | A Corredoira da Pega | A Costa da Silva | Costa do Murallón | O Coto | A Cruz do Pouso | Os Currás | A Curuxa | Curuxeira | O Empedrón | O Escorial de Abaixo | O Escorial de Arriba | A Fábrica de Labora | A Fábrica de Xuvia | A Fábrica do Monte | Fausto Cansado | A Forxá | Gandarela | Gunduriz | As Hedradas | O Latedo | Maciñeira | Médico Cebreiro | Mosteirón | A Mourela Alta | A Mourela Baixa | A Mourela do Medio | A Muchiqueira | Nogueirido | Os Pazos | Pename | O Portádego | O Poulo | O Pouso Vello | O Puntal de Abaixo | O Puntal de Arriba | A Rabadeña | O Regueiro | Ribeira da Toeleira | Ribeira de Santa María | Ribeira do Coto | Santa María | Santo Antonio | Santo Isidro | O Sartego | A Silva | A Toeleira | Trasmonte | O Vilar | Vilasuso | Xerardo Luaces | Xuvia

Parroquias de Neda

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Neda

Anca (San Pedro) | Neda (San Nicolás) | Santa María de Neda (Santa María) | Viladonelle (Santo André)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]