SIAI-Marchetti SF.260

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
SIAI-Marchetti SF.260
Tipoadestramento/ataque lixeiro
FabricanteSIAI-Marchetti
Aermacchi
Alenia Aermacchi
Leonardo S.p.A.
Deseñado porStelio Frati
Primeiro voo15 de xullo de 1964
Principais usuariosForza Aérea de Italia
Forza Aérea de Libia
Forza Aérea de Filipinas
Forza Aérea de Bélxica
Produción1964 - 2017
Unidades construídas900 (2012)

O SIAI-Marchetti SF.260 é un avón lixeiro italiano que foi comercializado habitualmente como adestrador militar e avión acrobático.

O SF.260 foi deseñado polo enxeñeiro italiano Stelio Frati, mentres que o traballo de produción foi realizado orixinalmente polo fabricante de aviación con sede en Milán Aviamilano. O 15 de xullo de 1964, o primeiro prototipo (entón designado F.260) realizou o seu voo de estrea. Pouco despois, a responsabilidade da produción foi transferida a SIAI Marchetti, que adquirira os dereitos do deseño; a fabricación continuou a ser realizada por esta empresa ata que foi mercada por Aermacchi en 1997.

O SF.260 foi principalmente vendido a clientes militares como adestrador e avión de combate lixeiro. Ademais vendeuse de forma limitada no mercado civil a operadores privados; nos anos 60 o modelo foi comercializado nos Estados Unidos como o Waco Meteor. Versións militares armadas, vendidas como o SF.260W Warrior, demostraron ser populares entre as forzas aéreas máis pequenas, que podían armar o modelo para o seu uso na función de apoio aéreo próximo. Desenvolvéronse tanto modelos con motores de pistóns como turbohélice.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

A principios dos anos 60 o deseñador de avións italiano Stelio Frati comezou a traballar nun novo deseño acrobático de tres asentos, que estaba destinado principalmente a servir como avión deportivo.[1] A diferenza de moitos dos seus contemporáneos, desenvolveuse para que tivese habilidades acrobáticas semellantes aos dos avións de combate da época, ademais de estar equipado para o voo con regras de voo por instrumentos (IFR). Este deseño baseouse en gran medida nos seus proxectos anteriores, incluído o prototipo do adestrador a reacción Caproni Trento F-5 e o avión acrobático de dous asentos Falco F8L, compartindo a mesma á e unha estrutura semellante co segundo.[2] A aeronave prevista, inicialmente designada como F.250 debido á potencia do seu motor, era a primeira aeronave totalmente metálica de Frati.[2]

O 15 de xullo de 1964 o modelo realozou o seu voo de estrea.[2] Despois do voo inaugural, a responsabilidade principal da fabricación do tipo foi adquirida a Aviamilano por SIAI Marchetti, que mercara os dereitos do deseño. Pouco despois de entrar en produción, o SF.260 atopouse cunha gran demanda por parte dos clientes militares, que moitas veces o adoptaton indistintamente como adestrador militar ou como avión lixeiro de ataque terrestre.[1] Entre 1964 e 1984 a meirande parte dos seus clientes foron militares, mentres que un pequeno número de pilotos privados conseguiron algúns, aínda que a oferta a este respecto estaba limitada.[1]

A finais dos 60 o avión foi comercializado nos Estados Unidos como o Waco Meteor, aínda que non tiña conexións de ningún tipo coa Waco Aircraft Company; a empresa foi relativamente infructuosa.[3] A finais dos 70 e nos anos 80, o piloto da aerolíña estadounidense Frank Strickler converteuse nun importante revendedor deste tipo, sendo acreditado co relanzamento das vendas civís do SF.260 na rexión, mercándoos de SIAI Marchetti en pequenos lotes e vendéndoos individualmente a clientes estadounidenses.[1]

Desenvolvemento posterior[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1970 unha versión mellorada do SF.260A, designada SF.260C, substituínuo na liña de produción.[4] Este modelo contaba con varias melloras, incluíndo pestanas redeseñadas nos aleróns, unha á reforzada, un perfil aerodinámico re-perfilado para mellorar o manexo a baixa velocidade e unha cola/temón alongada.O SF.260C foi deseñado para cumprir cos requisitos das especificacións militares.[4] A única diferenza estrutural entre o SF.260C e os seus irmáns armados, os SF.260W Warrior e SF.260SW Sea Warrior, é a presenza de soportes debaixo das ás para fixar equipos e armamento.[4]

En 1980 SIAI Marchetti realizou o primeiro voo dunha versión cun motor turbohélice, o SF.260TP, impulsado por un Allison Model 250.[5] Esta variante comercializouse no mercados dos adestradores militares, que pronto adoptou o tipo. En agosto de 1986 SIAI Marchetti dirixíuse a Gates Learjet para modificar o SF.260TP para que cumprise cos requisitos da FAR Part 23 da Administración Federal de Aviación (FAA), podendo así ser certificado para o uso civil.[6] Realizáronse modificacións para lograr unha menor velocidade de perda e unha maior capacidade de carga. Estas melloras de rendemento conseguíronse principalmente a través de alteracións aerodinámicas, como a adopción de "dentes de tiburón" ao longo do bordo de ataque das ás.[7]

En 1991-1992 SIAI-Marchetti propuxo un SF.260 actualizado, cun dosel de cabina ampliado e un sistema de combustible revisado para poder competir no Enhanced Flight Screener da Forza Aérea dos Estados Unidos. Aínda que non gañou a competición (sendo preferido o Slingsby T67 Firefly), esta actualización foi a base dos seguintes modelos de produción, o de inxección de combustible SF.260E e o de pulverización normal SF.260F.[8] En 2005 un lote de trinta SF.260EA foi entregado á Forza Aérea de Italia por un prezo de 33 millóns de euros.[9] Este modelo, que foi desenvolvido para cumprir o requisito italiano ara un avión avanzado con motor de pistóns, úsase para a selección e as principais actividades de formación.[9]

A produción do SF.260 continuou a un ritmo baixo ata 2017.[10] En total fabricáronse 976 unidades, incluídos os prototipos.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Moll Flying outubro de 1984, pp. 66, 73
  2. 2,0 2,1 2,2 Moll Flying outubro de 1984, p. 73
  3. Moll Flying outubro de 1984, pp. 66-68
  4. 4,0 4,1 4,2 Moll Flying outubro de 1984, p. 68
  5. Moll Flying abril de 1988, p. 57
  6. Moll Flying abril de 1988, pp. 57-58
  7. Moll Flying abril de1988, pp. 58-59
  8. Simpson, Longley & Swan 2022, pp. 84-86
  9. 9,0 9,1 "Italy gets the new SF260EA". Flight Global (en inglés). Consultado o 2024-04-09. 
  10. Simpson, Longley & Swan 2022, p. 85
  11. Simpson, Longley & Swan 2022, p. 84

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Simpson, Rod; Longley, Pete; Swan, Robert (2022). The General Aviation Handbook: A Guide to Millennial General Aviation Manufacturers and their Aircraft. Tonbridge, Kent, UK: Air-Britain (Trading) Limited. ISBN 978-0-85130-562-2.