O Sónar é un festival de música electrónica e experimental de Barcelona, creado no 1994 por Ricard Robles, Enric Palau e Sergi Caballero aínda que o nome orixinal era Festival Internacional de Música Avanzada e Arte Multimedia de Barcelona. Hoxe en día é organizado pola empresa Advanced Music.
Celébrase cada ano a mediados de xuño cunha duración de tres días e está considerado coma un dos festivais máis prestixiosos de Europa do seu xénero. As actividades desenvólvense en diferentes escenarios do barrio do Ravel, no centro de Barcelona. O Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), o Museu d'Art Contemporani de Barcelona (MACBA) ou a Fira Gran Via M2 de L'Hospitalet de Llobregat, adoitan ser escenarios escollidos para o festival.
O Sónar non ofrece só actuacións musicais, senón que tamén organiza conferencias e exposicións de prestixiosos artistas internacionais que tratan as últimas tendencias en música electrónica, arte multimedia, vídeo e cinema.
No ano 2010 realizouse unha edición conxunta en Barcelona e na Coruña dentro do programa de actuacións do Xacobeo, celebrándose no recinto de ExpoCoruña.