Robert W. Paul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert W. Paul
Nome completoRobert William Paul
Nacemento3 de outubro de 1869
LugarHighbury, Islington Vestry
Falecemento28 de marzo de 1943
LugarPutney, Wandsworth
NacionalidadeReino Unido Reino Unido
ProfesiónDirector
Na rede
IMDB: nm0666972 Allmovie: p218212 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Robert W. Paul, nado en Highbury o 3 de outubro de 1869 e finado en Putney o 28 de marzo de 1943 foi un inventor e pioneiro do cinema británico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Paul comezou a súa carreira como técnico aprendendo a fabricar instrumentos en Elliott Brothers, compañía londiniense fundada en 1804. En 1891 fundou a súa propia compañía, Robert W. Paul Instrument Company, cun obradoiro en Hatton Garden, Londres, que logo foi o seu despacho.

En 1894 dous homes de negocios gregos pedíronlle copias do kinetoscopio de Thomas Edison. Inicialmente negouse, pero logo descubriu que Edison non patentara o invento en Inglaterra, polo que púxose a desenvolver a súa propia versión do kinetoscopio mediante enxeñería inversa. Construíu varios destes aparatos e un deles foi a parar a Georges Méliès.

Porén, os únicos filmes dispoñibles eran copias dos producidos para a máquina de Edison coa súa cámara patentada (da que os detalles eran totalmente secretos), polo que Paul decidiu crear a súa propia cámara tamén. Presentáronlle a Birt Acres, experto fotógrafo, que inventara un dispositivo para mover a película como parte do proceso de revelado. Paul pensou que a idea deste invento podía ser empregada nunha cámara, e a Paul-Acres Camera, inventada en marzo de 1895, foi a primeira fabricada en Inglaterra.[1]

Paul conseguiu unha concesión para facer unha exhibición do kinetoscopio en Earls Court Exhibition Centre, e o éxito levouno a pensar na posibilidade de proxectar imaxes en movemento nunha pantalla, algo que Edison nunca considerara. Pouco despois do desenvolvemento da cámara Paul e Acres disolveron a súa sociedade e convertéronse en competidores nos mercados das cámaras e os proxectores. Acres presentou o seu proxector o 14 de xaneiro de 1896 e Paul o Theatrograph o 20 de febreiro, o mesmo día da primeira proxección en Londres dos filmes dos irmáns Lumière.[1] Tras varias demostracións perante grupos de científicos, puido realizar a súa primeira exhibición pública o 25 de marzo de 1896 no Alhambra Theatre en Leicester Square. Entre os filmes presentados incluíanse algúns debuxados por Tom Merry nos que aparecían caricaturas do emperador alemán Guillerme II[2] e Otto von Bismarck (1895).[3] Merry xa desenvolvera un espectáculo de debuxo rápido como parte do music-hall. O uso do Theatrograph en teatros de todo o país popularizou o cinema no Reino Unido, onde moita xente do mundo do espectáculo intentou imitar o éxito de Paul e algúns querían facer filmes de interese local.

Paul continuou coas súas innovacións no campo das cámaras portátiles. A 'Cinematograph Camera No. 1', construída en abril de 1896 foi a primeira en dispoñer de arranque inverso, mecanismo que permitía expoñer a mesma película varias veces. Isto permitía crear superposicións, empregadas no filme de 1901 Scrooge, or, Marley's Ghost, primeira adaptación de Un conto de Nadal, de Charles Dickens.

En 1898 deseñou e construíu en Muswell Hill o primeiro estudio cinematográfico británico.

Mentres continuaba cos seus negocios orixinais, especialmente no recoñecido galvanómetro Unipivot. Cos seus instrumentos gañou medallas nas exposicións de St Louis (1904) e Bruxelas (1910) entre outras. Co estalido da primeira guerra mundial comezou a producir instrumentos militares como uns dos primeiros conxuntos para a telegrafía sen fíos. En decembro de 1919, a Cambridge Scientific Instrument Company comprou a Robert W. Paul Instrument Company e converteuse na The Cambridge and Paul Instrument Company Ltd. O nome foi abreviado a Cambridge Instrument Co Ltd en 1924 cando se converteu nunha compañía pública.

Paul continuou a realizar os seus propios filmes, vendéndoos directamente ou a través das novas compañías de distribución. Como director foi moi innovador no uso de primeiros planos e na montaxe. Porén, os seus intereses de negocios desprazaron o cinema e deixou a industria en 1910. Non obstante, a súa importancia xa foi recoñecida polos seus contemporáneos.

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • The Derby (1895)
  • Footpads (1895)
  • The Oxford and Cambridge University Boat Race (1895)
  • Rough Sea at Dover (1895)
  • Blackfriars Bridge (1896)
  • Comic Costume Race (1896)
  • A Sea Cave Near Lisbon (1896)
  • The Soldier's Courtship (1896)
  • The Twins' Tea Party (1896)
  • Two A.M.; or, the Husband's Return (1896)
  • Robbery (1897)
  • Come Along, Do! (1898)
  • A Switchback Railway (1898)
  • Tommy Atkins in the Park (1898)
  • The Miser's Doom (1899)
  • Upside Down; or, the Human Flies (1899)
  • Army Life; or, How Soldiers Are Made (1900)
  • Chinese Magic (1900)
  • Hindoo Jugglers (1900)
  • A Railway Collision (1900)
  • Artistic Creation (1901)
  • Cheese Mites; or, Lilliputians in a London Restaurant (1901)
  • The Countryman and the Cinematograph (1901)
  • The Devil in the Studio (1901)
  • The Haunted Curiosity Shop (1901)
  • The Magic Sword (1901)
  • An Over-Incubated Baby (1901)
  • Scrooge, or, Marley's Ghost (1901)
  • Undressing Extraordinary (1901)
  • The Waif and the Wizard (1901)
  • The Extraordinary Waiter (1902)
  • A Chess Dispute (1903)
  • Extraordinary Cab Accident (1903)
  • The Voyage of the Arctic (1903)
  • The Unfortunate Policeman (1905)
  • The '?' Motorist (1906)
  • Is Spiritualism A Fraud? (1906)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Mast, Gerald; Kawin, Bruce F. (2007). Pearson Education, inc., ed. A Short History of the Movies. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 03 de setembro de 2014. 
  2. Acres, Birt. "Tom Merry Lightning Cartoonist, sketching Kaiser Wilhelm II". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2012. Consultado o 3 de novembro de 2007. 
  3. Acres, Birt. "Tom Merry Lightning Cartoonist, sketching Bismarck". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2012. Consultado o 3 de novembro de 2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]