Resonet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Resonet é unha agrupación galega adicada á interpretación de música antiga dende a súa creación en 1990 na cidade de Santiago de Compostela, Galiza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Resonet formouse en 1990 en Santiago de Compostela (Galiza), baixo o impulso do laudista Fernando Reyes, quen actualmente dirixe o grupo, e a soprano Mercedes Hernández, tomando o seu nome dunha peza do Códice Calixtino.

O fin de contribuír á reprodución das obras musicais coa maior fidelidade posible, levounos a empregar instrumentos orixinais ou copias, e técnicas vocais axeitadas aos diferentes períodos estéticos, buscando que estas obras afastadas no tempo adquiran significación musical e cultural na actualidade e poidan ser gozadas con toda a súa mensaxe e emoción. Isto levounos a realizar os seus propios proxectos de investigación. Os seus concertos comportan ademais un gran compoñente dramatúrxico.

Ten realizado numerosos concertos en toda Europa, cun repertorio que vai desde a música medieval galega á ópera veneciana do século XVII, pasando pola polifonía renacentista, a música barroca e a música do Século de Ouro español, adicando grande atención á música relacionada con Galiza e co Camiño de Santiago, á que ten adicado cinco discos: “La Grande Chanson” con música de peregrinos franceses do século XVII, “Les Pellerines” con música francesa do século XVII, “¡Santiago!, música de peregrinación a Santiago no Renacemento”, “Il Pellegrino” con músicas relacionadas coa viaxe de Cosme III de Médici en 1668 e “Canto de Ultreia” con músicas do Códice Calixtino e cantos de peregrinos do século XII. Gravaron tamén “Cantares Galegos” desenvolvendo os poemas de Rosalía de Castro sobre os cantos populares que inspiraron á poeta, e “Canto de Nadal” con músicas tradicionais galegas do Nadal.

Os seus compoñentes, procedentes de distintos puntos de Galiza, España e doutros países europeos, están especializados na interpretación da música antiga nos máis prestixiosos centros de formación de Europa, como o Conservatorio de Tolosa (Francia), Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) e Schola Cantorum Basiliensis (Basilea, Suíza), e na actualidade colaboran na realización de discos e concertos con moitos outros grupos e directores de toda Europa.

Resonet ten colaborado con institucións como o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, na realización de proxectos de investigación, concertos, concertos didácticos, discos, guías didácticas e exposicións.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Il Pellegrino.
  • ¡Santiago!.
  • Les Pellerines.
  • La Grande Chanson.
  • Canto de Nadal, Ouvirmos (2006).
  • Cantares Galegos, Ouvirmos (2008) - Representou a Galiza na Expo 2008 de Zaragoza.
  • Canto de Ultreia, Gaudia (2010).
  • Tonos de Amor, José Marín (1618-1699), Gaudia (2011) - Grabado por Mercedes Hernández e Fernando Reyes -.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]