Renovación Española en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Renovación Española tiña unha forte implantación na provincia de Ourense, onde era o principal partido da dereita grazas á rede clientelar que establecera o seu líder, o galego José Calvo Sotelo. Nas eleccións de 1933 acadou tres escanos nesa provincia en coalición coa Unión Regional de Derechas, na provincia da Coruña logrou dous escanos e un nas de Lugo e Pontevedra. Renovación Española non era un partido de masas nin nunca realizou campañas de afiliación, na provincia de Ourense non pasaba dos cen militantes e seguramente non tería máis de 500 en toda Galicia. Nas eleccións de 1936 o partido, que se presentou como Bloque Nacional, volveu vencer en Ourense ao lograr 3 escanos, aínda que con serias sospeitas de fraude, en Pontevedra logrou tamén escano (Víctor Lis Quibén). Renovación Española foi un dos partidos que máis cadros forneceu ás institucións e organizacións do Estado franquista.