Regeln für den Menschenpark
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
Regeln für den Menschenpark | |
---|---|
Título orixinal | Regeln für den Menschenpark e 「人間園」の規則 : ハイデッガーの『ヒューマニズム書簡』に対する返書 |
Autor/a | Peter Sloterdijk |
Lingua | lingua alemá |
Xénero(s) | ensaio |
Data de pub. | 2000 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Regeln für den Menschenpark: Ein Antwortschreiben zu Heideggers Brief über den Humanismus (que traducido ao galego sería Regras para un parque humano: unha resposta á Carta sobre Humanismo, de Heidegger), é o título dunha conferencia do filósofo Peter Sloterdijk impartida en 1997. A conferencia espertou unha importante vaga de polémica tanto en Alemaña como no contorno da filosofía internacional.
Historia do texto
[editar | editar a fonte]A conferencia impartiuna Sloterdijk inicialmente en Basilea, o 15 de xuño de 1997, e repetiuna, con algunhas modificacións o 17 de xullo de 1999, case dous anos máis tarde, en Schloss Elmau, na Baviera. Ese mesmo verán apareceu en papel, publicada no xornal Die Zeit, e desencadeou unha forte polémica.
Antes de rematar o ano xa estaba publicada en libro (1999) en Alemaña. En 2000 xa se editaba a súa versión en francés, e ao ano seguinte, en 2001 o texto incorporábase a Nicht gerettet: Versuche nach Heidegger, volume colectáneo de textos de inspiración heideggeriana. En 2003 traducíase ao español.
Resumo
[editar | editar a fonte]A conferencia define un concepto de humanismo vencellado á tradición literaria ou do libro, como a carta que un autor lles envía aos lectores das seguintes xeracións para transmitirlles amizade e humanidade, para domesticalos e liberalos do seu carácter animal. A seguir, tenta observar o tratamento do humanismo, e desta dualidade dos humanos entre o seu carácter propiamente humano e a súa bestialidade, a través da obra de tres filósofos: Heidegger, Nietzsche e Platón (nesta orde). Para Sloterdijk esa cadea de transmisión, que comeza coa adopción da cultura grega pola romana, rompeuse na segunda metade do século XX, e o humanismo deixou paso ao arquivismo.