Rede temática de investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil do Marco Ibérico e Iberoamericano
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
A Rede temática de investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil do Marco Ibérico e Iberoamericano ou LIXMI, é unha rede que se creou en 2004 e está vinculada á Universidade de Santiago de Compostela, á que pertence a súa investigadora principal, Blanca-Ana Roig Rechou.
Historia e características
[editar | editar a fonte]En 2011 estaba formada por investigadores de quince universidades de España, Portugal e Iberoamérica e contaba cos apoios das máis relevantes institucións destes ámbitos vinculadas coa Literatura Infantil e Xuvenil.[Cómpre referencia] Trátase dun grupo multidisciplinar e multicultural. Multidisciplinar en canto que inclúe investigadores e docentes tanto da Literatura institucionalizada ou de adultos coma da infantil e xuvenil, así como profesores de Didáctica da lingua e literatura e das artes plásticas, que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario. Multicultural en canto que o profesorado provén dos distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos.
Os membros de LIXMI celebran anualmente reunións científicas nas que debaten e reflexionan sobre múltiples aspectos da literatura para os máis novos, como os xéneros, os clásicos, as reescrituras, fenómenos como o multiculturalismo, a presenza de temáticas como a guerra civil española, os estereotipos, arquetipos e prototipos, modalidades como o álbum etc. No marco destas reunións tamén se reúnen con especialistas pertencentes ás institucións colaboradoras da Rede.
Entre as actividades conxuntas que desenvolven os membros de LIXMI figura a docencia e a elección das temáticas do Curso de Formación continua “As Literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora”, que se iniciou en setembro de 2004 en Santiago de Compostela, ao amparo da Universidade, da Biblioteca Nova 33, actualmente Biblioteca Fundación Nova Caixa Galicia, e Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Estes cursos, dirixidos a estudantes, docentes, bibliotecarios e mediadores en xeral, estrutúranse dende o inicio en dúas modalidades: unha virtual que se celebra ao longo do mes de xullo e unha presencial que ten lugar no mes de setembro.
Na parte virtual ofrécense panorámicas das Literaturas escritas nas distintas linguas de España, da portuguesa, da inglesa, da alemá e dalgunhas iberoamericanas; tamén elaboran unha seleccións de obras cara á educación literaria e comentarios sobre algunha delas coa mesma finalidade. Obras escritas en todas as linguas do marco ibérico ou traducidas a elas. Por veces mesmo se propoñen traducións e se analizan os procesos tradutolóxicos. Na parte presencial, máis práctica, estabelécese o contacto cos escritores e escritoras seleccionados por medio de encontros de investigadores con eles, recitais, talleres para traballar coas obras cara á educación literaria e artística e unha mesa de investigación para informar dos materiais máis salientábeis en cada ámbito lingüístico para a preparación do mediador.
Outras actividades que desenvolve LIXMI é a coorganización dos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil do Porto.