Saltar ao contido

Ranger 6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ranger 6
Unha sonda Ranger do Bloque III.
TipoTecnolóxico/científico
OrganizaciónNASA
Contratistas principaisJPL
Destino actualImpactada contra a Lúa.[1]
Data de lanzamento30 de xaneiro de 1964, 15:49 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas-Agena B[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-12[2][6]
Duración da misión65,5 horas[2]
Obxectivo da misiónFotografía e impacto na superficie lunar.[2][6]
NSSDC ID1964-007A
Masa381,0 kg[2]
DimensiónsCono cunha base hexagonal de 1,5 m de diámetro e unha altura de 3,6 m.[5]
Potencia200 vatios[2]
BateríasBaterías de prata e cinc.

Ranger 6 foi a primeira sonda do Bloque III do programa Ranger da NASA pensado para enviar sondas non tripuladas á Lúa e fotografar a súa superficie antes de impactar nela. Foi lanzada mediante un Atlas-Agena B o 30 de xaneiro de 1964 desde a plataforma LC-12 do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[2][5][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Ranger 6 foi enviada a impactar contra a superficie lunar e comezar a fotografala varios minutos antes do choque. A diferenza das naves dos bloques I e II, os únicos instrumentos a bordo eran seis cámaras de televisión para fotografar a Lúa.[2][3][5][6]

A sonda foi a primeira cun deseño do denominado Bloque III, unha simplificación das Ranger previas dos Bloque I e II. Estaba formada por unha base hexagonal de 1,5 m de diámetro sobre a cal se atopaba unha estrutura cónica de aluminio de 3,6 m de alto onde se situaban as cámaras de televisión. Sobre a base ía montado o sistema de propulsión e de enerxía, alimentado por dous paneis solares de 73,9 cm de lonxitude e 153,7 cm de longo cada un que lle daban á nave unha envergadura total de 4,6 m, así como a antena de alta ganancia. Outra antena cuasiomnidireccional ía montada no cumio do cono da nave.[2][3][5][6]

A propulsión era proporcionada por un motor de 224 N de impulso alimentado por hidracina, mentres que para o control de actitude usábanse doce chorros de nitróxeno conxuntamente cun sistema de tres xiroscopios, catro sensores solares principais, dous secundarios e un sensor da Terra. Os paneis solares proporcionaban ata 200 vatios de potencia que se almacenaban en dúas baterías de prata-cinc de 1200 vatios-hora de capacidade a unha voltaxe de 26,5 voltios para alimentar o sistema de cámaras, mentres que para o resto de sistemas usábanse outras dúas baterías de prata-cinc de 1000 vatios-hora.[2][3][5][6]

As comunicacións corrían a cargo de varios transmisores a bordo, entre eles un canal de televisión de 60 W funcionando a 959,52 MHz, outro canal televisión de 60 W a 960,05 MHz e un transpondedor de 3 W a 960,58 MHz[2][5][6]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

Ranger 6 levaba a bordo seis cámaras vidicon, dúas de imaxe completa (un gran angular e un teleobxectivo operando no chamado canal F) e catro de imaxe parcial (dúas gran angular e dous teleobxectivos no canal P). As cámaras funcionaban agrupadas en dous canais, cada un cos seus propios sistemas de potencia, temporizadores e transmisores para incrementar a fiabilidade.[2][5][6]

Perfil da misión

[editar | editar a fonte]

Ranger 6 foi inxectada nunha traxectoria de impacto contra a Lúa sen problemas. A manobra de corrección de traxectoria a medio camiño executouse sen incidencias, pero a nave impactou sen recibirse ningunha imaxe do sistema de televisión. Unha investigación posterior descubriu que a causa máis probable de que o sistema de cámaras non funcionara foi un arco eléctrico no sistema de enerxía que alimentaba as cámaras producido durante o acendido sen querer das cámaras durante un período de 67 segundos aos dous minutos do lanzamento, durante a separación das etapas do foguete lanzador.[2][5][6]

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "RANGER 6 (RA-6)" (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2016. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (23 de agosto de 2016). "Ranger 6" (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Letter dated 26 March 1964 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (64-07275). 30 de marzo de 1964: 2. Consultado o 8 de decembro de 2016. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Ranger 6" (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Ranger 6, 7, 8, 9 (Block 3)" (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "Ranger 6-7-8-9" (en inglés). Consultado o 8 de decembro de 2016.