Píxel
O píxel (do inglés picture element, ou sexa, "elemento da imaxe") é a menor unidade na que se descompón unha imaxe dixital, unha fotografía, un fotograma de vídeo ou un gráfico.
Ó ampliar fortemente unha imaxe dixital (zoom), por exemplo na pantalla dun ordenador, poden observarse os píxeles que compoñen a imaxe. Os píxeles aparecen como pequenos cadrados en cor, en branco ou en negro, ou en matices de gris. As imaxes fórmanse como unha matriz rectangular de píxeles, onde cada píxel forma un punto diminuto na imaxe total.
Nas imaxes de mapa de bits ou nos dispositivos gráficos cada píxel codifícase mediante un conxunto de bits de lonxitude determinada (a chamada profundidade de cor), por exemplo, pode codificarse un pixel cun byte, ou 8 bits, de maneira que cada pixel admite 256 variantes (2 díxitos por bit, elevados á oitava potencia, é dicir, 2 x 2 x 2 x 2 x 2 x 2 x 2 x 2). Nas imaxes de cor verdadeira, adóitanse usar tres bytes para definir unha cor, é dicir, en total podemos representar un total de 2 elevado a 24 cores diferentes (16777216 de cores).
Para poder transformar a información numérica que almacena un pixel nunha cor temos que coñecer, ademais da profundidade de cor (o tamaño en bits do pixel), o modelo de cor que estamos a usar. Por exemplo, o modelo de cor RGB (Red-Green-Blue) permite crear unha cor compoñendo tres cores básicas: o vermello, o verde e o azul. Desta forma, en función da cantidade de cada un deles que usemos veremos un resultado ou outro. Por exemplo, a cor amarela obtense mesturando o vermello e o verde. As distintas tonalidades do amarelo obtéñense variando a proporción na que interveñen ambas compoñentes. No modelo RGB é frecuente que se usen 8 bits para representar a proporción de cada unha das tres compoñentes primarias. Desta forma, cando unha das compoñentes vale 0, significa que esta non intervén na mestura e cando vale 255 (2^8-1) significa que intervén achegando máximo dese ton.
A maior parte dos dispositivos que se usan cun ordenador (monitor, escáner, ...) usan o modelo RGB.
Megapíxel
[editar | editar a fonte]O Megapíxel é un millón de píxeles e úsase normalmente na resolución das cámaras dixitais. Por exemplo unha cámara cunha resolución de 2048×1536 píxeles dise que ten "3,1 Megapíxeles" (2048 × 1536 = 3.145.728).