Punto tipográfico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O punto tipográfico é a unidade de medida utilizada en imprenta, a partir da cal se fabrica todo o material tipográfico. No sistema Didot equivale a uns 0,376 milímetros (exactamente 0,376065 mm á temperatura de 20°C). Á medida de doce puntos denominasele cícero.

No sistema anglosaxón e en varios países hispanoamericanos que non adoptaron o sistema Didot o punto tipográfico baséase na pica (algo inferior ó cícero) e é a dudécima parte desta, equivalente a 0,3514729 mm.

Historia[editar | editar a fonte]

Antigamente, cada fundidor daba unha medida distinta ós tipos que fabricaba. Foi o fundidor francés Pierre Simon Fournier o primeiro en unifica-las distintas medidas en 1742. Para o mesmo, escolleu o tipo máis pequeño, o nomparell, e dívidiuno en seis partes, ás que chamou puntos. Ó dobre do nomparell (12 puntos) denominouno cícero. O punto Fournier tiña 0,350 mm e a altura do tipo 22,050 mm.

En 1760, François Ambroise Didot, membro dunha célebre dinastía francesa de impresores, perfeccionou o sistema de medida. Non se baseou en ningún tipo existente, como fixera Fournier, senón no nonio, ou «pé do rei». O punto tipográfico de Didot equivale exactamente a dous puntos de nonio. Este sistema, chamado Didot, foi adoptado pola maior parte do mundo, salvo Inglaterra, Estados Unidos e algúns países hispanoamericanos, que empregan a pica (e o punto de pica) como unidade de medida.