Proxéctate en Galego
Proxéctate en Galego | |
---|---|
Tipo | grupo de trabalho |
Data de fundación | 2011 |
En | Lugo |
País | Galicia |
Na rede | |
https://www.usc.gal/gl/proxectos/proxectate/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Proxéctate en Galego é un grupo de traballo formado polas comisións de normalización lingüística das escolas e facultades que a Universidade de Santiago de Compostela ten no Campus de Lugo. O seu obxectivo é potenciar o uso do galego na vida universitaria desde unha óptica multidisciplinaria e transversal, entendéndoo como unha ferramenta que lle permite ao alumnado acadar obxectivos superiores no seu desempeño profesional futuro.
A creación do grupo
[editar | editar a fonte]Desde mediados da década dos 2000 as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo viñan desenvolvendo actividades[1][2] de forma individual, pero no ano 2010 a comisión da Facultade de Veterinaria puxo en marcha as xornadas Achegándonos ao medio rural[3], que pretendía afondar na conexión entre a Universidade e o medio rural a través do uso do galego.
Despois do éxito desa primeira edición, en 2011 as xornadas Achegándonos ao medio rural II[4] foron xa coorganizadas polas comisións da Escola Politécnica Superior, Humanidades e Formación do Profesorado.
Ese mesmo ano, as comisións de normalización do campus concorreron ao Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, e gañaron o premio á mellor idea[5] para a promoción do galego, cunha proposta consistente na creación do espazo de traballo Proxéctate en Galego e na celebración de actividades de dinamización lingüística, especialmente o Foro USC.
Actividade
[editar | editar a fonte]Desde ese ano, Proxéctate en Galego vén desenvolvendo un amplo abano de actividades, ben de forma individual, ben en colaboración con outras entidades da Universidade (como a Biblioteca Intercentros) ou da cidade de Lugo. As máis relevantes de entre estas son os Foros-USC e as actividades relacionadas co Día da Ciencia en Galego.
Os Foros USC
[editar | editar a fonte]Nos anos 2012 e 2013 este grupo de traballo organizou dous Foros USC, simposios destinados a poñer de relevo as potencialidades da lingua galega como ferramenta de desenvolvemento persoal e profesional en distintos ámbitos de actividade. O Foro de 2012 centrouse no emprendemento, a tecnoloxía e as ciencias experimentais; e o de 2013 nas actividades de lecer, as actitudes lingüísticas, novas formas de consumo, e patrimonio cultural.
O Día da Ciencia en Galego
[editar | editar a fonte]Aínda que a Universidade de Santiago de Compostela realizou actos de conmemoración do Día da Ciencia en Galego desde o primeiro ano en que este se celebrou (2010), os centros do campus de Lugo non organizaron un programa de actividades propio ata o 2011. Nese ano, a Escola Politécnica Superior, a Facultade de Ciencias e a Facultade de Veterinaria realizaron exposicións, proxección de audiovisuais, sesións de divulgación científica[6]... e ensaiaron xa unha política de coordinación que se plasmaría a partir dese ano na organización conxunta das actividades baixo o paraugas de Proxéctate en Galego.
Así, en 2012 organizouse a sesión de divulgación científica De Leonardo a nós,[7] en 2013 desenvolveuse unha xornada de actividade que incluía visitas guiadas a diversos laboratorios e instalacións do campus, e unha nova sesión de divulgación científica, baixo o lema Arte e ciencia,[8] e en 2014 repetiuse un esquema similar organizando unha visita guiada á exposición Sensores, organizada por IGACIENCIA, e un serán divulgativo centrado nas temáticas da robótica e a astronomía.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Concurso "Comunicándomos" de publicidade en galego". Consultado o 08/11/2014.
- ↑ Díaz Vizcaíno, Elvira; Rigueiro Rodríguez, Antonio; Villarino Urtiaga, Juan José (2004). Universidade de Santiago de Compostela, ed. Termos esenciais de botánica.
- ↑ Servizo de Normalización Lingüística da USC, ed. (2010). "Achegándonos ao medio rural". O Cartafol (abril). Arquivado dende o orixinal o 20/06/2016. Consultado o 08/11/2014.
- ↑ "Achegándonos ao medio rural II: Lingua, muller e dinámica social". Consultado o 08/11/2014.
- ↑ "O Luísa Villalta recoñece o esforzo a prol da normalización lingüística dos centros do campus lugués". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 08/11/2014.
- ↑ "Día da Ciencia en galego 2011 (programa de actos na USC)". Consultado o 09/11/2014.
- ↑ "Día da Ciencia en Galego 2012 (programa de actos na USC)". Consultado o 09/11/2014.
- ↑ "Día da Ciencia en Galego 2013: o dereito a gozarmos da ciencia en galego". Consultado o 09/11/2014.
- ↑ Proxéctate en Galego. "Día da Ciencia en Galego 2014". Arquivado dende o orixinal o 08/11/2014. Consultado o 09/11/2014.