Portal:Irlanda/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gaelscoil (ˈɡeːl̪ˠsˠkɛlʲ; plural: Gaelscoileanna) é unha rede de escolas de ensino primario e secundario de Irlanda na que a lingua vehicular de ensinanza é o gaélico irlandés. O termo fai referencia ás escolas en irlandés que se atopan fóra das rexións de fala irlandesa, as Gaeltacht.

Os estudantes das Gaelscoileanna reciben o mesmo programa de estudos que nas outras escolas de Irlanda, mais aprenden a lingua irlandesa polo sistema de immersión lingüística. Porén, os alumnos que se escolarizan en inglés teñen pouca competencia lingüística en irlandés, mesmo sendo este idioma materia obrigada en toda a República de Irlanda tanto no ensino primario como en secundaria. O actual goberno ten prometido facer reformas no programa educativo e na formación dos mestres nas escolas tanto en inglés como en irlandés.

As Gaelscoileanna teñen adquirido a reputación de proporcionar uns resultados académicos excelentes cun orzamento moderado. Téñense descrito como un sistema de selección social positiva ofrecendo unha mellor formación de cara ó ensino universitario e á formación profesional. Unha análise das escolas que envían estudantes ás institucións de ensino superior amosan que o 22 % das escolas que fan ensino en irlandés envían a tódolos seus estudantes ó ensino superior, en comparación co 7 % das escolas en inglés.

O éxito débese a un apoio efectivo (aínda que limitado) da comunidade e a unha infraestrutura administrativa eficaz. Distínguense por ser o produto dun movemento comunitario xenuíno e non dunha política do Estado.