Portal:Illa de Man/Artigo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lingua manx (tamén coñecida como gaélico manx, Yn Ghaelg en manx) é unha lingua celta que se fala na illa de Man, unha pequena illa do Mar de Irlanda que constitúe unha dependencia autogobernada da coroa británica e que non pertence ao Reino Unido.

No século V, os goidélicos ou gaélicos, procedentes de Irlanda invaden a illa, traendo a súa lingua céltica, que, cos séculos, evolucionaría ata se converter na actual lingua manx, a cal tamén ten préstamos nórdicos, froito das sucesivas invasións viquingas: primeiro no século IX e logo unha segunda invasión viquinga procedente de Irlanda no século XI. A illa mantívose baixo dominación norueguesa ata a segunda metade do século XIII.

O illamento da illa e a súa dependencia da coroa inglesa (logo británica) a partir do século XIV fixeron que o manx adoptase unha grafía baseada no inglés e non noutros idiomas celtas.

A poboación conservou o seu idioma ata o século XVII, comezando a declinar no século XVIII cando comezou a súa decadencia. En 1831 falábao regularmente o 30% da poboación; en 1901 só o falaban 970 persoas e o último falante nativo de manx, Ned Maddrell, morreu o 27 de decembro de 1974 á idade de 97 anos.

Hoxe en día, o manx sobrevive grazas a un pequeno número de persoas que o aprenderon como segunda lingua e que intentan potencialo fronte ao inglés, a súa lingua materna. En 2001 un 2.2% da poboación da Illa de Man, 1.689 de 76.315 habitantes, aseguraba poder desenvolverse en manés, aínda que en graos diversos. Non foi até 2003 cando o goberno pasou a introducilo oficialmente na escola. Actualmente, o manés é segunda lingua nas escolas primarias e secundarias, na universidade da Illa e no centro de estudos de manés. Alén diso, unha escola privada, o Bunscoill Ghaelgagh, ten o manés como lingua principal. Ademais, xa hai dúas ducias de rapazas e rapaces que teñen o manés como lingua materna.