Portal:Grecia/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia dos xudeus de Tesalónica é a historia da comunidade xudía, principalmente sefardí, que habitou a cidade grega de Tesalónica, tamén chamada Salónica, dende a súa chegada á cidade a finais do século XV ata a súa aniquilación case completa durante a segunda guerra mundial. A comunidade xudía foi durante varios séculos maioritaria na cidade, o que converte a Tesalónica no único caso coñecido de cidade da diáspora con predominio xudeu.

Os xudeus están indisolublemente unidos á historia de Tesalónica, e a influencia da comunidade hebrea desta cidade, tanto na orde cultural como na económica, deixouse sentir en todo o mundo sefardí. Chegaron á cidade, procedentes de España, en 1492 por causa do decreto de expulsión dos xudeus. Durante o século XVI e baixo dominio otomán, a poboación xudía de Tesalónica viviu unha idade de ouro, seguida dun relativo declive ata mediados do XIX, época na cal emprendeu unha importante modernización, tanto económica coma cultural. A historia dos xudeus de Tesalónica tomou un rumbo tráxico no século XX, tras a aplicación da solución final polo réxime nazi, que se traduciu na eliminación física da inmensa maioría dos membros da comunidade.