Portal:España/Cidade destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima. Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Tiña 696.676 habitantes en 2014.

É o principal centro artístico, cultural, financeiro, económico e social do sur de España e un dos máis importantes do sur de Europa. É ademais un importante centro industrial de novas tecnoloxías e aeronáutica. Sevilla e os seus núcleos de poboación satélites non constitúen unha verdadeira área metropolitana senón unha aglomeración urbana, pois carece dun órgano de coordinación no que estean representados tódolos organismos con competencias metropolitanas, tales como os concellos. Aínda que hai órganos mancomunados que se encargan da xestión metropolitana de certas actividades sectoriais (augas, residuos etcétera), non pode por tanto falarse de área metropolitana no seu sentido máis estrito.

Entre os seus atractivos turísticos salientan a Giralda, a Catedral, o Alcázar, o Arquivo de Indias e a súa contorna, que foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.

A tan só 20 m sobre o nivel do mar, entre Vega e a Campiña do río Guadalquivir, e á beira deste, conforma unha aglomeración urbana que se estende cara ó Aljarafe, As Marismas, o Parque Nacional de Doñana, a Serra Norte e a Serra Sur.