Portal:España/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lois I de España, chamado «o Ben Amado» ou «o Liberal», nado en Madrid o 25 de agosto de 1707 e finado na mesma vila o 31 de agosto de 1724, foi rei de España durante menos dun ano, sendo o seu reinado de 229 días, o máis breve da Historia de España (sen contar o goberno de Filipe o Fermoso). Era o fillo maior do Rei Filipe V e María Luísa de Savoia.

A proclamación de Lois I de España, o 15 de xaneiro de 1724, tivo unha grande acollida e entusiasmo entre a poboación, sobre todo a da capital, porque era o primeiro Borbón nado na vila. Por tal de suplir a inexperiencia do novo monarca constituíuse un consello asesor composto por varias personalidades. O novo rei ocupou o trono uns sete meses, durante os cales o monarca viviu bastante despreocupado dos asuntos de Estado. En realidade foron Filipe V e Isabel de Farnesio os que continuaron gobernando desde o seu retiro na Granxa de San Ildefonso.

En materia económica apareceron novos nobres e funcionarios no goberno que eran contrarios a Isabel de Farnesio. Os novos ministros intentaron que o rei decretara unha redución de gastos e mellorase a xestión de certas institucións. Igual que na política interior, a política internacional de Lois I estivo moi condicionada pola acción do seu pai e, sobre todo, da súa madrastra.

Lois contraeu a varíola no mes de xullo de 1724. O monarca non se ocupou ben da súa enfermidade, que acabou complicándose cunha pulmonía. Morreu ao cabo de poucas semanas, a madrugada do 31 de agosto de 1724, no Palacio do Bo Retiro, poucos días despois de cumprir dezasete anos.