Portal:Escocia/Biografía destacada/3
William Wallace (gaélico medieval: Uilliam Uallas; gaélico escocés: Uilleam Uallas; anglonormando: William le Waleys) nado en Elerslie en 1272 e finado en Londres o 23 de agosto de 1305, foi un cabaleiro e terratenente escocés. Dedicou a súa vida á defensa da independencia de Escocia, fronte a política expansionista de Eduardo I de Inglaterra, o cal aspiraba a unir os reinos inglés e escocés.
De novo viviu nunha caótica Escocia que non era quen de decidir que rei sucedería ó recentemente morto Alexandre III. Pasou a súa adolescencia, por causa do asasinato do seu pai e do desterro da súa nai, en Dunipace, sendo educado por un tío seu, o cal era clérigo e lle permitiu aprender latín e outras linguas.
Á idade de vinte anos medía dous metros de altura, e se ben hoxe en día esa altura non pasa desapercibida, naquel tempo, cando a xente tiña unha moi baixa estatura media, era considerado un xigante.
Os abusos cometidos polos ingleses a unha poboación escocesa que non se quería dobregar eran cada vez peores, así que o novo William Wallace abandonou os seus estudos eclesiásticos e uniuse a un grupo de mozos escoceses que se dedicaban a combater os soldados ingleses que tiñan ocupada Escocia.