Portal:Cine/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dredd é un filme de ciencia ficción e cine de acción estreado no 2012, dirixido por Pete Travis e escrito e producido por Alex Garland. Baseouse no protagonista da serie de banda deseñada Judge Dredd da publicación 2000 AD, creado por John Wagner e Carlos Ezquerra. Karl Urban é o protagonista do filme no papel de Judge Dredd, un axente da lei coas capacidades de xuíz, xurado e verdugo, nunha gran metrópole distópica chamada Mega-City One situada nun ermo postapocalíptico.

Garland comezou a escribir o guión do filme no 2006, aínda que o desenvolvemento desta nova adaptación de Judge Dredd, sen relación co filme homónimo de 1995, non se fixo público ata decembro do 2008. Producida polo estudio británico DNA Films, a rodaxe comezou en novembro do 2010, facendo uso extensivo de cámaras 3D. As localizacións desta rodaxe foron en Cidade do Cabo e Xohanesburgo.

Dredd estreouse o 7 de setembro do 2012 no Reino Unido e o 21 de setembro do mesmo ano no resto do mundo. As críticas do filme foron positivas en relación os efectos visuais, o elenco de actores e a acción. Porén, o filme recibiu algunhas críticas negativas enfocadas principalmente na percepción dunha falta de elementos satíricos propios da banda deseñada homónima e no exceso de violencia. A baixa recadación nos cines fixo que unha secuela fose improbable, pero o bo número de vendas das edicións domésticas e os esforzos dos afeccionados apoiados pola editorial de 2000 AD, Rebellion, mantiveron viva a posibilidade dun segundo filme.