Penedo dos Lobos
Coordenadas: 42°16′15″N 7°16′17″O / 42.270707, -7.271282 Penedo dos Lobos é un recinto militar romano de campaña dos mellor conservados do noroeste peninsular e un dos situados a máis altura de Galicia, 1466 metros. Está pendente de ser estudado sendo datado en época alto imperial (século I a.C.-III d.C.).[1] Está situado a 2,5 km ao leste da Estación de montaña Manzaneda. Foi identificado en 2016 por Rubén F. Lorenzo Pérez.[2]
Ten unha orientación norte sur e forma rectangular. Medindo de N-S 160 metros e L-O uns 130 metros. Conta cunha superficie de 2,34 hectáreas, para unha unidade militar de entre 800 e 1000 soldados. Considérase un campamento de marcha, un recinto militar construído durante o avance da columna militar, non estable e ocupado durante moi pouco tempo. Conserva as portas orixinais de acceso ao recinto construído en pedra.
Intervención arqueolóxica en 2018
[editar | editar a fonte]A campaña arqueolóxica foi feita polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela en agosto de 2018. Permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento en Galicia, ligada cronoloxicamente á época das Guerras Cántabras.
O colectivo romanarmy.eu dirixido polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte foi quen de localizar material militar romano, entre o que se atopan as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas (As) cuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Ástures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Manzaneda achega pistas sobre a conquista de Gallaecia polo exército romano".
- ↑ "O equipo de Romanarmy.eu atopaba na súa intervención arqueolóxica dúas moedas romanas coas que pode datarse por primeira vez en Galicia un recinto deste tipo na etapa da conquista".
- ↑ "O campamento romano de Penedo dos Lobos revela a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- [1][Ligazón morta]
- romanarmy.eu
- National Geographic Arquivado 27 de setembro de 2018 en Wayback Machine.