Pedro Galán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedro Galán Calvete circa 1933.

Pedro Galán Calvete, nado na Coruña o 18 de xullo de 1917, e finado na Corveira (Culleredo) o 16 de setembro de 1936[1], foi un político galego.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Pedro Galán Cortés que traballaba de camareiro marítimo nos barcos que cruzaban o Atlántico, foi o maior de catro fillos. Estudou nas primeiras escolas de estudos primarios en galego que existiron na cidade nas que impartía clases Ánxel Casal. Cursou estudos na Escola Profesional de Comercio da Coruña.

O seu compromiso político apareceu nun manifesto publicado en A Nosa Terra en outubro de 1933, no que, xunto a Jenaro Marinhas del Valle e outra ducia de rapaces, diríxense "Aos mozos cruñeses" para lles anunciar a súa decisión de constituír a Mocidade Galeguista, baixo a disciplina do Partido Galeguista. Foi Secretario de Organización da Mocidade Galeguista da Coruña. Representou ás mocidades da Coruña na asemblea fundacional da Federación de Mocedades Galeguistas celebrada en Ourense en xaneiro de 1934, e formou parte do seu Consello Nacional como conselleiro en representación da Comarca da Coruña.

Tumba de Pedro Galán no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Traballou no departamento de contabilidade da empresa de xabróns «La Toja» ao mesmo tempo que realizou un intenso traballo político e social, participando en actos públicos na Comarca da Coruña con Ramón Suárez Picallo, Antón Villar Ponte, Uxío Carré Naya, José Villaverde Velo e Javier Pose. Tamén participou na creación do Club do Mar, de cuxa directiva formou parte en 1935 como vogal do comité de propaganda. Colaborou en A Nosa Terra con algúns artigos ("Cambó Falou" e "A Hespaña d-eles").

Coa sublevación do 18 de xullo rexeitou a ocasión de fuxir embarcado a América que lle ofreceu o seu pai e seguiu levando unha vida normal, iniciando estudos de Dereito. Foi detido o 10 de setembro de 1936, levado ao Cárcere da Coruña e despois ao cuartel da policía no Orzán. O 16 de setembro atoparon o seu cadáver nunha cuneta da Corveira.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]