Pedro Arahuetes
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de outubro de 1958 (65 anos) Segovia, España |
Alcalde | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Pedro Cipriano Frutos Arahuetes García, nado en Segovia o 25 de outubro de 1958, é un avogado e político español que desenvolveu toda a súa carreira política na cidade castelá-leonesa de Segovia, da que é alcalde nas listas do PSOE desde 2003.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Dereito no Colexio Universitario de Segovia e logo en Madrid, na Universidade Complutense, licenciándose en 1982 e doutorándose en 1984. Tras licenciarse dedicouse ao exercicio libre da profesión de avogado, primeiro en Madrid e, desde 1989, na súa cidade natal. Foi membro da xunta de goberno do Colexio de Avogados de Segovia entre 1994 e 1998, e asesor xurídico do Sindicato de Auxiliares de Enfermería de Segovia entre 2001 e 2003. En 1997 presentouse a decano do Colexio de Avogados, sen éxito.
En novembro de 2002, o PSOE anunciou que Arahuetes, que non estaba afiliado ao partido, sería o seu cabeza de lista nas eleccións municipais do ano seguinte. Substituía a Ángel García Cantalejo, líder socialista local que fora o único candidato nas primarias para ser candidato socialista á alcaldía,[1] pero que renunciou posteriormente. García Cantalejo apuntou que unha das razóns da súa retirada eran os malos resultados que lle atribuían as enquisas. Segundo García Cantalejo, con Arahuetes aspiraban a obter a maioría absoluta.[2]
A lista encabezada por Arahuetes conseguiu un bo resultado, pasando dos sete concelleiros que obtivera en 1999 a once[3] (o mellor resultado do PSOE nas municipais até aquelas). Aínda que o Partido Popular obtivera un máis, doce, un pacto de goberno con Izquierda Unida, que tiña dous concelleiros, permitiu a Arahuetes converterse no segundo alcalde socialista de Segovia tras a reinstauración da democracia en España.[4] Catro anos despois, nas eleccións de 2007, non necesitou de pactos pois obtivo maioría absoluta.[5] Nas eleccións de 2011 perdeu de novo a maioría absoluta ao verse superado por pouco máis de cen votos polo Partido Popular. Ambos partidos obtiveron doce concelleiros, dependendo a alcaldía da actitude do terceiro partido do consistorio, Izquierda Unida, que entrou de novo no concello, cun concelleiro.[6] Finalmente, o PSOE e Izquierda Unida alcanzaron un pacto para facilitarlle a alcaldía a Arahuetes, aínda que IU non se integrou no equipo de goberno.[7]
Pedro Arahuetes está casado e é pai de tres fillos.
Predecesor: José Antonio López Arranz |
Alcalde de Segovia 2003-actualidade |
Sucesor: No cargo |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cantalejo renuncia a la candidatura a la Alcaldía tras su cuestionamiento interno. La falta de resultados positivos en las últimas encuestas, posibles causas". ABC. 9 de novembro de 2002. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "Cantalejo deja su puesto a un independiente para "obtener la mayoría absoluta"". ABC. 10 de novembro de 2002. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ Ministerio do Interior (ed.). "Resultados das eleccións municipais de 2003 en Segovia". Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "PSOE e IU firman un pacto de gobierno en el Ayuntamiento de Segovia". El Mundo. 13 de xuño de 2003. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ Ministerio do Interior (ed.). "Resultados das eleccións municipais de 2007 en Segovia". Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "IU será determinante en el color del nuevo gobierno municipal". El Adelantado de Segovia. 23 de maio de 2011. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 28 de maio de 2013.
- ↑ "El socialista Pedro Arahuetes asume su tercer mandato como alcalde de Segovia". El Norte de Castilla. 11 de xuño de 2011. Consultado o 28 de maio de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web de Pedro Arauhetes
- Curriculum Vitae de Pedro Arahuetes Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (relator nos Foros Locais Municipais da Deputación de Badaxoz, 13 de xaneiro de 2011)
- López, Miguel Ángel (23 de maio de 2011). "Un independiente con ataduras". El Norte de Castilla. Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2020. Consultado o 28 de maio de 2013.