Palacio do Senado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Salón de Sesións.

O Palacio do Senado é un edificio civil situado en Madrid, sede do Senado, unha das dúas cámaras que compoñen as Cortes Xerais, o parlamento nacional de España.

Historia[editar | editar a fonte]

O Palacio do Senado atópase na praza da Mariña Española. É un edificio do século XVI, antigo Colexio da Encarnación, de relixiosos agostiños calzados tamén chamado Colexio de dona María de Aragó (parte do complexo do Real Mosteiro da Encarnación). O colexio foi unha das institucións máis destacadas da Corte madrileña, e a súa igrexa contiña varias obras mestras de El Greco, hoxe no Museo do Prado.[1]

Foi o lugar de reunión das Cortes unicamerais (anteriormente reunidas en Cádiz) en 1814; e entre 1820 e 1823 (durante o Trienio liberal).

O Estamento de Próceres previsto no Estatuto Real de 1834, que se reuniu, de forma provisional, no Casón do Bo Retiro, pasou a ocupar este edificio desde 1835. Con diversos cambios de nome e función, segundo a conxuntura política, seguiu servindo de sede da Cámara alta ata 1923 (cando a ditadura de Primo de Rivera disolveu as Cortes). Durante a ditadura instaurouse unha cámara lexislativa denominada Asemblea Nacional Consultiva, e non se convocou o Senado.

As Cortes da República eran unicamerais, e reuníanse no palacio da Carreira de San Jerónimo (durante os debates constitucionais, no Palacio de Cristal do Retiro).

Durante o franquismo, a procura dunha aparencia de institucionalización (a chamada "democracia orgánica") fixo que o edificio tradicional do Senado fose ocupado polo Consello Nacional do Movemento (mentres que as Cortes Españolas ocupasen o palacio da Carreira de San Jerónimo).

Coa Transición, instalouse no edificio da praza da Mariña Española a institución que, co nome de "Senado", prevía a Lei para a Reforma Política de 1976, e que interviu xunto co chamado "Congreso dos Deputados" na redacción da Constitución española de 1978. Desde as eleccións de 1979, o edificio vén sendo ocupado pola institución actual do Senado.

A finais do século XX efectuouse unha ampliación nun edificio anexo, cuxa fachada dá á rúa Bailén, con forma semicircular. O Palacio conserva unha interesante colección de obras de arte, entre as que destacan varias pinturas historicistas do século XIX.

Notas[editar | editar a fonte]