Os verbos regulares galegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

 Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego

Os máis dos verbos galegos son regulares xa que seguen rixidamente uns patróns determinados de conxugación. Fronte a estes, un número pequeno de verbos, case todos de uso frecuente, presentan unha variedade de formas dificilmente reducibles a un sistema: son os irregulares.

Vexamos a continuación como son conxugados estes verbos regulares, tomando coma exemplo os verbos cantar, comer e partir.

  Cantar Comer Partir
Infinitivo cantar comer partir
Xerundio cantando comendo partindo
Participio cantado comido partido
Presente Indicativo canto
cantas
canta
cantamos
cantades
cantan
como
comes
come
comemos
comedes
comen
parto
partes
parte
partimos
partides
parten
Copretérito cantaba
cantabas
cantaba
cantabamos
cantabades
cantaban
comía
comías
comía
comiamos
comiades
comían
partía
partías
partía
partiamos
partiades
partían
Preterito (Indicativo) cantei
cantaches
cantou
cantamos
cantastes
cantaron
comín
comiches
comeu
comemos
comestes
comeron
partín
partiches
partiu
partimos
partistes
partiron
Antepretérito cantara
cantaras
cantara
cantaramos
cantarades
cantaran
comera
comeras
comera
comeramos
comerades
comeran
partira
partiras
partira
partiramos
partirades
partiran
Futuro (Indicativo) cantarei
cantarás
cantará
cantaremos
cantaredes
cantarán
comerei
comerás
comerá
comeremos
comeredes
comerán
partirei
partirás
partirá
partiremos
partiredes
partirán
Pospreterito cantaría
cantarías
cantaría
cantariamos
cantariades
cantarían
comería
comerías
comería
comeriamos
comeriades
comerían
partiría
partirías
partiría
partiriamos
partiriades
partirían
Presente (Subxuntivo) cante
cantes
cante
cantemos
cantedes
canten
coma
comas
coma
comamos
comades
coman
parta
partas
parta
partamos
partades
partan
Preterito (Subxuntivo)
'
cantase
cantases
cantase
cantásemos
cantásedes
cantasen
comese
comeses
comese
comésemos
comésedes
comesen
partise
partises
partise
partísemos
partísedes
partisen
Futuro (Subxuntivo) cantar
cantares
cantar
cantarmos
cantardes
cantaren
comer
comeres
comer
comermos
comerdes
comeren
partir
partir
partir
partirmos
partirdes
partiren
Imperativo canta
cantade
come
comede
parte
partide
Infinitivo Conxugado
'
cantar
cantares
cantar
cantarmos
cantardes
cantaren
comer
comeres
comer
comermos
comerdes
comeren
partir
partir
partir
partirmos
partirdes
partiren

A raíz nos verbos regulares[editar | editar a fonte]

Os verbos regulares teñen, normalmente, unha única raíz para todo o paradigma, mentres que os irregulares xeralmente presentan, cando menos, dúas raíces: unha delas coincide coa do infinitivo e aparece nos tempos do tema de presente e a outra encóntrase nos tempos do tema de perfecto. Teñen tema de perfecto os seguintes tempos: pretérito perfecto, pretérito pluscuamperfecto, pretérito imperfecto de subxuntivo, e futuro de subxuntivo; os restantes tempos constrúense co tema de presente.

Variacións na raíz dos verbos regulares[editar | editar a fonte]

Como xa dixemos, a maioría dos verbos galegos son regulares e conxúganse segundo uns paradigmas fixos (economía da linguaxe). A maior parte destes verbos ten unha raíz constante en tódalas súas formas. Isto non inclúe a posición do acento, que varía dunhas formas a outras, nin nun número importante de verbos o timbre medio-aberto ou medio-pechado da vogal radical (a última ou única vogal da raíz).

En canto ó acento, a primeira. segunda e terceira persoas do singular e mais a terceira do plural do presente de indicativo e do presente de subxuntivo, xunto coa segunda persoa de singular do imperativo, son formas rizotónicas, pois levan o acento tónico sobre a vogal radical (and-o, and-as, and-a, and-an, and-e, and-es, and-e, and-a). Tódalas outras formas teñen o acento na vogal temática ou nas desinencias, e son chamadas arrizotónicas.

Alternancia de timbre nos verbos da primeira conxugación[editar | editar a fonte]

Os verbos da primeira conxugación poden presentar unha alternancia de timbre na vogal radical entre un timbre medio-aberto [ɛ, ɔ] nas formas rizotónicas e un timbre medio pechado [e, o] nas formas arrizotónicas:

ac[ˈɔ]rdo, ac[ˈɔ]rdas, ac[ˈɔ]rda, ac[o]rdamos, ac[o]rdades, ac[ˈɔ]rdan

Esta alternancia foi interpretada nalgúns estudos de fonoloxía do galego como unha neutralización da oposición existente entre as vogais medias-abertas e as medias-pechadas en posición átona (Amable Veiga), aínda que no comportamento actual da lingua non faltan exemplos que nos levan a interpretar que no galego moderno esa neutralización xa non opera, co que se mantén o sistema de sete vogais en posición átona pretónica (Antón Santamarina, El verbo gallego).

Este comportamento é o que seguen a maioría dos verbos desta clase: xogar, pegar, amolar, espertar, acordar, colgar, berrar, chocar, medrar, pecar... Así e todo, nalgúns casos, mantense a vogal sempre medio-aberta: votar, berrar, apezar, aboiar, quentar..., ou sempre pechada: botar, merendar, mendar, posiblemente debido a unha tendencia regularizadora máis moderna có sistema antigo en que operaba a neutralización. Neste sistema moderno, a diferenza de timbre pode discernir parellas co tipo de v[ɔ]tar / b[o]tar, v[ɔ]tamos / b[o]tamos. A adscrición dun verbo a un modelo ou a outro (con alternancia vocálica ou sempre coa mesma vogal) non é predicible na maioría dos casos. Así a todo, os verbos formados sobre substantivos que teñen vogal tónica aberta (sobre todo se son derivados formados recentemente) tenden a mante-la vogal radical con timbre medio-aberto en todo o paradigma, como tamén o fan certos verbos cultos, aínda que non sempre sucede así: gu[ˈɛ]rra > gu[ɛ]rrear, p[ˈɔ]rco > emp[ɔ]rcar, [ˈɔ]vo > des[ɔ]var, pero f[ˈɛ]rro > enf[ˈɛ]rro, enf[ˈɛ]rras, enf[ˈɛ]rra, enf[e]rramos,...

Dado que non hai un criterio claro de repartición dos diferentes verbos desta clase entre un grupo e outro, non é raro atopar verbos que presentan comportamentos diferentes en distintas variedades xeográficas. Así verbos como voar ou petar poden ter vogal radical pechada invariable en certas falas, mentres que noutras presentan alternancia entre as formas rizotónicas e arrizotónicas.

As vogais radicais de timbre aberto ou pechado non presentan ningunha alternancia: a (amar), i (mirar), u (suar).

Alternancia de timbre nos verbos da segunda conxugación[editar | editar a fonte]

Na segunda conxugación a raíz é constante cando a vogal é de timbre aberto: arder, bater, varrer. Téñase en conta que non hai verbos da segunda conxugación con vogais de timbre pechado (/i, u/); os poucos verbos que tiñan esta vogal no galego medieval pasaron á CIII (dizer > dicir, escriver > escribir, viver > vivir) ou cambiaron a vogal do radical (dizer > dial. decer). Só se mantén a vogal esperable no adxectivo procedente do participio de presente: afluente, contradicente, vivente, escribente, lucente.

Os verbos con vogal radical de timbre medio-aberto poden seguir dous comportamentos:

  • Manter inalterado o timbre da vogal radical en todo o paradigma, sexa medio-pechado (ler, crer, deber) ou medio-aberto (quecer, esquecer).
  • Presentar unha alternancia de timbre na vogal radical, que terá timbre medio-aberto na segunda persoa do singular e na terceira de singular e plural do presente de indicativo e medio-pechado nos demais casos, tanto que sexa tónica coma átona; así encontramos /ɔ, ɛ/ en comes, come, comen e xemes, xeme, xemen, e /o e/ en tódalas demais formas da conxugación. Algunhas veces o timbre da vogal radical permite diferenciar dúas formas, como en c[ˈɔ]me, x[ˈɛ]me (presente de indicativo) e c[o]me, x[e]me (imperativo).

Algúns verbos incoativos, como aparecer, adormecer, agradecer, podrecer..., presentan diferenzas xeográficas, xa que nunhas falas presentan alternancia e noutras teñen vogal radical medio-pechada en todo o paradigma.

Alternancia de timbre nos verbos da terceira conxugación[editar | editar a fonte]

Na CIII distínguense tres grupos:

  • Os verbos con radical /a/ ou /i/ non presentan ningunha alteración: abrir, saír, incidir, partir, dividir, vivir etc.
  • Os verbos con vogal radical /e/ presentan dous tipos de alternancia:
  • Vogal radical /i/ nas formas rizotónicas do presente de indicativo e imperativo e en todo o presente de subxuntivo, fronte ó /e/ das demais: advirto, advirtes, advirte, advirta, / advertía, advertimos,... Tal cal advertir conxúganse adherir, divertir, transgredir, conferir, diferir, inferir, preferir, proferir, referir, transferir, competir, repetir, concernir, competir, repetir, concernir, discernir, (d)espir, dixerir, inxerir, medir, pedir (e derivados), vestir (e derivados),... Cómpre subliñar que desde o punto de vista fonolóxico esta alternancia non existe: é indiferente que se pronuncie *advirtimos ou advertimos, pois estas vogais medias poden alternar entre [e]∼[i] ante un í tónico (harmonización vocálica).
  • Vogal radical /i/ na primeira persoa do singular do presente de indicativo, segunda persoa do imperativo e en todo o presente de subxuntivo, /ɛ/ na segunda persoa do singular e terceira persoa do singular e plural do presente de indicativo e /e/ nas demais formas: sirvo, s[ˈɛ]rves, s[ˈɛ]rve, s[e]rvimos, s[e]rvides, s[ˈɛ]rven, sirve ti, s[e]rvide vós, sirva, sirvas, sirva, sirvamos, sirvades, sirvan, servía,... Fan como servir: ferir, mentir, seguir, sentir e derivados (o único derivado que ten ferir é malferir).
  • Algúns verbos con vogal radical /u/ presentan alternancia na vogal radical: /O/ na segunda persoa do singular e terceira persoa do singular e plural do presente de indicativo e /u/ nas demais formas: durmo, d[ˈɔ]rmes, d[ˈɔ]rme, d[u]rmimos, d[u]rmides, d[ˈɔ]rmen, d[u]rmes ti, d[u]rmide, d[u]rmía,... Fan como durmir: bulir (rebulir), cubrir (e deriv.: descubrir, recubrir, encubrir), acudir, sacudir, cumprir, cuspir, durmir, engulir, fundir, fuxir (e deriv.:subterfuxir, transfuxir), lucir (e deriv: deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, pruír, ruxir, subir, sufrir, sumir, tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernández Rei, F. (1991 [1986]): "Conservadurismo e innovación no sistema de desinencias verbais do galego: o perfecto", in D. Kremer (ed.): Actes du XVIII Congrès International de Linguistique et de Philologie Romanes (Université de Trier, 1986). Vol. 3. Tübingen: Max Niemeyer, 1991, pp. 632–644.
  • Fernández Rei, F.: "Vocal temática e conxugación verbal. A expresión da clase mórfica en español, catalán e galego moderno", in Homenaxe ó profesora Pilar Vázquez Cuesta Santiago: Universidade.
  • Instituto da Lingua Galega (1990): Atlas Lingüístico Galego. Vol. 1: Morfoloxía verbal. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.
  • Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega (1995 [1982]): Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Santiago: ILG / RAG, 199512.
  • Nicolás, R. (1 993): Diccionario dos verbos galegos. Pontevedra: O Cumio.
  • Santamarina, A (1974): El verbo gallego.