Saltar ao contido

Operación Reconquista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a operación bélica que se organizou en 1944 no Val de Arán vexa Operación Reconquista de España.

A Operación Reconquista foi o nome que lle deron os servizos secretos españois (Servicio Central de Documentación, SECED) ás accións que tiveron lugar co fin de contrarrestar a facción carlista dominante durante a Transición Española.

Durante a guerra civil española o carlismo apoiou o nacionalismo franquista mediante o envío á fronte das súas famosas unidades chamadas requetés. Carlos Hugo de Borbón Parma encabezaba a parte máis numerosa durante o franquismo. Nesta etapa o movemento evolucionou de forma radical e a súa organización convertérase no promotor dun talante democrático e dun ideario socialista autoxestionario. Pola súa banda, o irmán máis novo, Sisto Henrique de Borbón-Parma, a pesar de contar cun menor número de seguidores, foi nomeado sucesor polos que non veían con bos ollos eses cambios tan radicais do novo carlismo. Sisto de Borbón mantiña unha ideoloxía tradicionalista, partidario do franquismo e en contacto coa extrema dereita europea.

Visto o panorama de enfrontamento, o SECED (organización creada por Carrero Blanco) decidiu actuar na tradicional romaría carlista que tiña lugar en Montejurra co fin de pór freo ós seguidores de Carlos Hugo de Borbón Parma.

A operación Reconquista foi pensada e organizada na oficina do director xeral da Garda Civil onde se reuniron os líderes da acción: José Arturo Márquez de Prado, xefe do carlismo sixtino, o xeneral Ángel Campano e o xeneral Salvador Bujanda. De certo, o plan era coñecido polo director do SECED, o xeneral Juan Valverde, polo ministro de gobernación Manuel Fraga e polo presidente Carlos Arias Navarro.

No plan aportaríase a infraestrutura necesaria para levar a cabo o que sería coñecido como os Sucesos de Montejurra, incluídos os gardas civís vestidos coas roupas tradicionais carlistas, armas, radioteléfonos e cartos.

A partir deste momento e tal e como contou o xeneral José Antonio Sáenz de Santa María, a colaboración do SECED coas organizacións parapoliciais como o Batallón Vasco Español (BVE), a Triple A, Guerrilleros de Cristo Rey ou o Antiterrorismo ETA (ATE) fíxose habitual.