Saltar ao contido

Nubes de evolución

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nubes de evolución
Título orixinalNubes de evolución
Autor/aAndrea Maceiras
OrixeEspaña
LinguaGalego
ColecciónColección Fóra de Xogo
Xénero(s)Infantil e xuvenil
EditorialXerais
Data de pub.28 de xaneiro de 2013
FormatoRústica cosido a fío[1]
Páxinas192
ISBNISBN 978-84-9914-463-4
editar datos en Wikidata ]

Nubes de evolución é unha novela de Andrea Maceiras, galardoada co Premio Fervenzas Literarias 2014 ao mellor libro xuvenil. A obra xa conta con sete edicións.[1]

Os tres protagonistas principais da historia son Amanda, Uxío e Luís. Amanda é unha rapaza nova que está a criar unha nena despois de que o rapaz co que a tivo se desentendese da paternidade. Traballa como camareira a tempo parcial e como limpadora na estación de autobuses, e vive só para isto e para a súa filla Ánxela nun pequeno apartamento, despois de ter que abandonar a casa da nai por causa dunha discusión coa súa irmá. A súa vida é dura e triste e a estación de autobuses, un lugar inhóspito e frío no que transcorre o seu día a día. Uxío é tamén un rapaz novo, mal estudante e rebelde, fillo de pais divorciados e que mantén unha relación cunha rapaza que non lle convén. Cando queda cos amigos para adestrar pasa pola estación de autobuses na que traballa Amanda. Luís é un profesor de instituto viúvo, cuxa muller tamén se chamaba Ánxela, e ten unha mala opinión das xeracións máis novas. É un home taciturno e amargado.

Os tres personaxes teñen varios encontróns entre eles que os afastarán, pero un día, a aparición dunha pintada na estación cunha frase da canción Angie dos Rolling Stones, que se pregunta cando desaparecerán as nubes, fai que os tres atopen os seus puntos en común. Así, os tres farán un pacto para volverse atopar na propia estación só cando consigan refaceren as súas vidas. Amanda, logo, decide retomar contacto coas súas antigas amigas e coa súa irmá, o que a levará a regresar á casa da nai, e decidirá abandonar o traballo de limpadora para estudar na universidade. No medio, descobre que no pasado tivera a oportunidade de coñecer á defunta muller de Luís e que a impresión que lle causou aquela muller foi o que a levou a chamarlle, de xeito inconsciente, Ánxela á súa filla. Uxío decide ir vivir co seu pai, posto que con este se entende mellor que coa súa nai, deixa á súa antiga moza e volve ter unha relación saudable cos seus amigos. Amanda e Uxío volverán atoparse na estación. Alí descubrirán que a pintada fora feita por Antón, o rapaz da estafeta da estación que non acougaba enviando sinais a Rosa, a rapaza da panadaría da estación. Rosi, que tamén coñecera a defunta Ánxela e que sabía que Luís se lle declarara nun concerto dos Rolling Stones mentres soaba Angie sempre soñara con que algo así de romántico lle sucedese tamén a ela. Un día, na megafonía e da estación soa Angie e Antón declárase a Rosi e Uxío a Amanda. Só falta Luís, que aparece na porta da estación sen dirixirse aos seus amigos. Uxío aclarará logo o porqué: Luís, que ao enfrontarse á morte de Ánxela, despois de tantos anos, conseguira saír do pozo no que se atopaba, tiña agora moito que facer escribindo o libro que sempre quixera escribir.[2]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Trátase dunha novela de lectura doada para adultos e adolescentes que presenta a tres personaxes. Estes narran en primeira persoa anacos das súas vidas, marcadas polo desengano, o fracaso e, sobre todo, pola soidade, ou as súas vivencias. Teñen en común o feito de se atoparen casualmente na fría estación de autobuses. Alí traballa Amanda, de dezanove anos, nai solteira que vive coa súa filla Ánxela, cos seus soños rotos e o rostro afundido polo cansazo. Leva máis dun ano dedicada a superar os retos diarios. Pola mesma estación transita cada dous días Uxío, rebelde, con problemas familiares e relacións tenas, que reproduce coa súa moza o mesmo comportamento que teñen os seus pais entre si. O terceiro narrador homodiexético é Luís, un vello profesor de instituto, cheo de manías, que, incapaz de asumir a realidade da morte da súa muller, constrúe un feixe de hábitos absurdos cos que poñer orde na súa vida. O seu traballo como docente no instituto está así mesmo lacerado pola rutina. De xeito gradual, Andrea Maceiras vai achegándolle ao lector as maneiras como estes tres personaxes, que nos seus primeiros encontros mesmo se desprezan os uns ós outros, van estabelecendo entre eles unha relación. Finalmente, resulta ser un puzzle vital con final feliz.[3]

  1. 1,0 1,1 Dispoñible, tamén, en formato electrónico ePub.[1]
  2. Rodríguez Rodríguez 2013, p. 3.
  3. "Co fío dos Rolling Stones: «Nubes de evolución», de Andrea Maceiras. Crítica de Francisco Martínez Bouzas / / Blog Xerais". blog.xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]