O municipio de Alūksne (en letón, Alūksnes novads) é un dos 36 municipios de Letonia. É un municipio da fronteira nordeste de Letonia establecido en 2009 no curso da reforma administrativa territorial. A cidade de Alūksne e 15 parroquias do antigo distrito de Alūksne están unidas no condado, agás as parroquias da cidade de Apes, Gaujienas, Trapenes e Virešu, que formaron o municipio de Apes (que máis tarde no 2021 pasou a formar parte do municipio de Smiltene). Do total da poboación, o 46,3% vive en Alūksne e o 53,7% nas parroquias. Limita co municipio de Smiltene ao oeste, co municipio de Gulbene e Balvu ao sur, co distrito ruso de Pskov ao leste e co distrito de Veru en Estonia ao norte.[1]
O lago Alūksne é o undécimo lago máis grande de Letonia. Ningún río desemboca nel, pero é a fonte dun pequeno río: o Alūksnīte. Hai catro illas no lago. A calidade da auga do lago correspóndese coa categoría de auga dos salmónidos, aquí crían lagostinos e
anguías.
O Castelo de Alūksne (Marienburg) construíuse para protexerse dos ataques rusos desde Pskov. Tivo un total de oito familias propietarias diferentes, pero en 1702 as tropas rusas fixeron estoupar o castelo: unha das súas oito torres foi restaurada tan tarde como en 2020.
O único tren de vía estreita dos Bálticos que aínda ofrece tráfico regular de pasaxeiros, o Bānītis, vai desde a estación de Alūksne.
Alūksne é o lugar onde a Biblia se traduciu ao letón por primeira vez. En homenaxe á tradución, o pastor Ernst Glück plantou carballos no lugar da tradución no século XVII, carballos aínda visitables na actualidade.[2]
No ano 2021 o proxecto ELDIA, estudo universitario sobre a diversidade lingüística en Europa, reportou ao redor de 300 falantes nativos de lingua võro en Alūksne, falantes dunha variante sureña da lingua con poucas diferenzas ao patrón xeral da lingua.[3]