Mostraxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

En estatística chámase mostraxe a técnica para a selección dunha mostra a partir dunha poboación estatística.

Ao escoller unha mostra aleatoria agárdase conseguir que as súas propiedades sexan extrapolables á poboación. Este proceso permite aforrar recursos e á súa vez obter resultados semellantes aos que se acadarían se se realizase o estudo de toda a poboación.

Para que a mostraxe sexa válida e poida realizarse un estudo axeitado que permita non só facer estimacións da poboación senón tamén estimar as marxes de erro correspondentes a esas estimacións, deben cumprirse algúns requisitos. Nunca poderemos estar completamente seguros de que o resultado sexa unha mostra representativa, pero si podemos actuar de xeito que esta condición sexa alcanzada cunha probabilidade alta.

O conxunto de mostras que se poden obter dunha poboación denomínase espazo da mostra e a variable que asocia a cada mostra a súa probabilidade chámase distribución da mostra.

Técnicas de mostraxe estatística[editar | editar a fonte]

Existen dous métodos para seleccionar mostras de poboacións, a mostraxe aleatoria (que inclúe o azar como recurso no proceso de selección) e a mostraxe non aleatoria. Cando unha mostra aleatoria cumpre a condición de que todos os elementos da poboación teñen posibilidade de seren escollidos na mostra, se coñecemos previamente a probabilidade correspondente a cada un dos elementos, recibe o nome de mostraxe probabilística.

Mostraxe estatística[editar | editar a fonte]

Forman parte deste tipo de mostraxe todos aqueles métodos para os que é posible calcular a probabilidade de extracción de calquera mostra posible. Este conxunto de técnicas de mostraxe é máis aconsellable, se ben non sempre é posible empregalo. Neste caso fálase de mostras probabilistas pois ao non coñecer as características da poboación non é posible ter por seguro que se conseguise esa característica e polo tanto non se pode falar de mostras representativas.

A mostraxe pode realizarse de dúas formas:

  • Sen reposición dos elementos: Cada elemento extraído descártase para a seguinte extracción.
  • Con reposición de los elementos: As observacións realízanse con substitución dos individuos, de xeito que a poboación é idéntica en todas as extraccións. En poboacións moi grandes a probabilidade de repetir unha extracción é tan pequena que a mostraxe pode considerarse con reposición aínda que realmente non o sexa.

Mostraxe sistemática[editar | editar a fonte]

Emprégase cando a poboación é de gran tamaño ou vai estenderse no tempo. En primeiro lugar hai que calcular unha constante denominada coeficiente de elevación, K= N/n, onde N é o tamaño da poboación e n o tamaño da mostra.

Para determinar en que momento se producirá a primeira extracción hai que escoller un número aleatorio entre 1 e K e logo tomar un de cada K a intervalos regulares. Ocasionalmente é conveniente ter en conta a periodicidade do fenómeno.

Mostraxe estratificada[editar | editar a fonte]

Consiste na división previa da poboación de estudo en grupos ou clases que se supoñen homoxéneos con respecto a algunha característica das que se van estudar. A cada un destes estratos asígnaselle unha cota que determina o número de individuos do mesmo que entrarán na mostra. Dentro de cada estrato adóitase empregar a técnica de mostraxe sistemática.

Segundo a cantidade de individuos da mostra que se han escoller de cada estrato existen dúas técnicas de mostraxe estratificada:

  • Asignación proporcional: o tamaño da mostra dentro de cada estrato é proporcional ao tamaño do estrato dentro da poboación.
  • Asignación óptima: a mostra recolle máis individuos dos estratos que teñan máis variabilidade. Para iso é necesario un coñecemento previo da poboación.

Mostraxe por etapas múltiples[editar | editar a fonte]

Esta técnica é a única opción cando non se dispón da listaxe completa da poboación de referencia ou cando por medio da técnica de mostraxe simple ou estratificada se obtén unha mostra con unidades distribuídas de xeito que resultan de difícil acceso.

Na mostraxe por etapas múltiples subdivídese a poboación en varios niveis ordenados que se extraen sucesivamente por medio dun procedemento de funil. A mostraxe desenvólvese en varias fases ou extraccións sucesivas para cada nivel.

Mostraxe por conglomerados[editar | editar a fonte]

Emprégase cando a poboación se atopa dividida de xeito natural en grupos que se supón que conteñen toda a variabilidade da poboación, é dicir, que a representan fielmente respecto da característica que se escolle. Poden logo seleccionarse só algúns destes grupo ou conglomerados para a realización do estudo.

Dentro dos grupos seleccionados estarán as unidades elementais e pode aplicárselle o instrumento de medición a todas as unidades ou só a algunhas, seleccionadas ao azar. Cando dentro de cada conglomerado se extraen algúns individuos para integrar a mostra, chámase mostraxe bietápica.

Os conceptos de estratos e conglomerados son opostas. O primeiro método funciona mellor canto máis homoxénea sexa a poboación respecto do estrato, aínda que estes sexan diferentes entre eles. No segundo ocorre o contrario, os conglomerados deben de presentar toda a variabilidade pero deben de ser moi semellantes entre eles.

Mostraxe non probabilística[editar | editar a fonte]

É aquela para a que non se pode calcular a probabilidade de extracción dunha mostra determinada. Por ese motivo, búscase seleccionar persoas que teñen un coñecemento profundo do tema que se estuda e considérase que a información aportada por elas é vital para tomar as decisións.

Mostraxe por cotas[editar | editar a fonte]

É a técnica máis difundida en estudos de mercado e sondaxes de opinión. En primeiro lugar divídese a poboación de referencia en varios estratos definidos por algunhas variables de distribución coñecida (como o sexo ou a idade). Posteriormente calcúlase o peso proporcional de cada estrato, é dicir, a parte proporcional da poboación que representan. Finalmente multiplícase cada peso polo tamaño da mostra para determinar a cota de cada estrato. Diferénciase da mostraxe estratificada en que unha vez determinada a cota o investigador é libre de escoller os elementos da mesma dentro de cada estrato.

Mostraxe de bóla de neve[editar | editar a fonte]

Utilízase para estudos de poboacións clandestinas, minoritarias ou moi dispersas pero en contacto entre elas. Consiste en identificar os individuos que se incluirán na mostra a partir dos propios entrevistados. A partir dunha pequena cantidade de individuos que cumpren os requisitos necesarios localízanse outros con características análogas.

Mostraxe subxectiva[editar | editar a fonte]

Neste caso os elementos da mostra escóllense en función dalgunha das súas características de maneira racional. Unha variante é a mostraxe compensada ou equilibrada, na que se seleccionan as unidades de xeito que a media da mostra para determinadas variables estea preto da media da poboación.