Saltar ao contido

Morte da Virxe (Mantegna)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Morte da Virxe
ArtistaAndrea Mantegna
Data1462[1]
TécnicaMixta[2]
Dimensións54,5 cm × 42 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Morte da Vixe (en italiano: Morte della Vergine) é unha obra pictórica do pintor italiano Andrea Mantegna. É un cadro pintado con técnica mixta sobre táboa contra o ano 1462. Mide 54 cm de alto e 42 cm de ancho. Consérvase no Museo do Prado de Madrid, onde está exposta co nome El Tránsito de la Virgen ('o Transo da Virxe').

Descrición

[editar | editar a fonte]

A obra representa a Dormición de María e é a parte meirande da táboa orixinal. Fáltalle logo o fragmento superior, conservado na Pinacoteca Nacional de Ferrara, que representa a Asunción da Virxe aos ceos, recibida por Cristo arrodeado de querubíns.

Mantegna amósase notablemente orixinal ao desprover o tema da morte da Virxe de trazos milagrosos. A escena está ambientada nun salón austero, pechado por pilastras que sostiñan os arcos de medio punto parcialmente visibles no fragmento de Ferrara e cun chan de mármore axadrezado que salienta a perspectiva. No centro ábrese unha gran fiestra cunha vista de Mantua ao fondo, facilmente recoñecible para os contemporáneos.

As liñas horizontais do cadaleito da Virxe dominan a metade inferior do cadro e ao seu redor congréganse os once apóstolos a velar o corpo. San Pedro le as Sagradas escrituras, un sostén un frasco de ungüentos, outros tres portan unha candea e cantan, e un outro de costas ao espectador inclínase para incensar o corpo de María.

O amolecemento das formas e cores, que o artista comezara xa no retablo da basílica de San Zenón, desenvólvese aquí grazas á naturalidade dos xestos e á amplitude da composición.

A luz non vén pola fiestra, senón da dereita, e acomete o primeiro apóstolo e logo o escorzo da Virxe. O espazo libre no primeiro plano invita o espectador a observar a profundidade da pintura, deténdose primeiro na Virxe e deseguida na paisaxe ao lonxe. Hai ademais abundantes exemplos de vivo realismo, como as posicións das mans e os pés dos apóstolos, o movemento e o brillo das auréolas, as pesadas vestiduras que secasí translocen a anatomía das figuras, ou o lustre metálico dos dous grandes candelabros.

  1. de Antonio, Trinidad; Riello, José (2012). Guía de visita. Museo do Prado. p. 12. ISBN 978-84-8480-137-5. 
  2. Galería on-line do Museo do Prado

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cirlot, L. (dir.), Museo del Prado II, Col. «Museos del Mundo», Tomo 7, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3810-9, páx. 137
  • Monreal, L., Grandes Museos, Vol. 1, Planeta, 1975. ISBN 84-320-0460-X (obra completa)
  • Olivar, M., Cien obras maestras de la pintura, Biblioteca Básica Salvat, 1971. ISBN 84-345-7215-X