Monte Siradella
| Tipo | montaña | |||
|---|---|---|---|---|
| Localización | ||||
| División administrativa | O Grove, España | |||
| ||||
| Características | ||||
| Altitude | 166 m | |||
| Prominencia topográfica | 166 m | |||
O monte Siradella, con 166 metros de altitude, é o punto máis alto da península do Grove desde onde se domina coa vista a praia da Lanzada e boa parte do concello, xunto co Complexo Intermareal existente na zona.
No alto do monte sitúase un Aula da Natureza (Centro de Interpretación da Natureza), onde se mostra a riqueza ecolóxica do Complexo Intermareal, a través de paneis informativos, fotografías, restos óseos (de cetáceos e aves), cunchas, a maqueta dunha batea etc.
No cumio pódese acceder ó miradoiro da Siradella, cunha plataforma sobre a pedra de numerosos penedos desgastados entre o que destaca a coñecida como "Pedra Cabaleira".
Nas inmediacións atópanse os restos dun antigo castro fortificado, non escavado.
Lendas
[editar | editar a fonte]Di a imaxinación popular que neste castro, chamado Castelo dos mouros, vivía un rei mouro chamado Balán.
Nunha lenda, había un mozo que adoitaba subir ó monte para ver o mar. Dunha vez veu unha fermosa muller que lle mostrou un pozo e lle contou que alá abaixo vivían encantados os seus irmáns, dúas princesas e un príncipe. Para desencantalos compría botar no pozo tres barras de pan acabadas de saír do forno. O mozo aceptou o encargo e ó día seguinte subiu desde a vila cos pans baixo o brazo, pero o camiño era longo e o recendo do pan moi tentador así que, como tiña fame, cortou un cornecho do pan. Cando chegou á boca do pozo botou un pan e veu saír un aposto mozo, que marchou axiña; botou o segundo pan e veu saír unha fermosa princesa, que tamén marchou. Pero cando botou o terceiro pan, do que comera un cacho, o que saíu foi un monstro con figura humana pero sen cara que lle bateu nas costas cun cinto ata deixalo baldado. Finalmente, deulle o cinto e desapareceu. O mozo, triste e dorido, comezou a baixar do monte pero, como estaba canso, decidiu botar un sono, despois de atar o cinto nunha árbore. Cando acordou, puido ver cómo cinto e árbore arderan completamente.[1]
Noutra lenda, son tres os castelos de mouros que se levantaban alí. Nun deles vivía unha moura que se namorou dun mouro que vivía na Illa de Ons. Pero os mouros da Siradella eran inimigos dos mouros de Ons e os pais da rapaza prohibiron esa relación. Aínda máis, os anciáns da Siradella auguraron que, se os mozos chegaban a casar, tódolos mouros do mundo desaparecerían. E, para evitar a desaparición da raza, os pais da moura prefiriron dinamitar o castelo aínda que iso supuxo a súa morte.
Desta segunda lenda existe unha variante na que o mouro de Ons, mariñeiro, chega a coñecer á moura da Siradella cando esta se bañaba, núa, na praia da Lanzada. Sabedores que os pais, inimigos a morte, non aceptarían o seu noivado, deciden fuxir na barca do mozo, e así o fan unha noite de lúa. Pero a barca sofre un forte impacto e caen á auga. Ela consegue saír a flote pero el morre afogado, e ela suicídase coa dor. A marea devolveu os corpos á praia e os pais dun e doutra, botándose mutuamente as culpas, comezaron unha guerra que levou á morte a tódolos mouros. E se algún logrou sobrevivir, refuxiouse para sempre nas profundidades da terra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A lenda lembra inevitablemente outra máis coñecida: a da fonte de Ana Manana.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Paz Framil, Alba Nélida: El Meco y otras leyendas de O Grove, Crónica 2008.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galiciaencantada.com [consultado o 28.01.2026]
