Saltar ao contido

Mikel Garikoitz Aspiazu Rubina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMikel Garikoitz Aspiazu Rubina
Biografía
Nacemento6 de xullo de 1973 Editar o valor en Wikidata (51 anos)
Bilbao, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónterrorista Editar o valor en Wikidata

Mikel Garikoitz Aspiazu Rubina, nado en Bilbao o 6 de xullo de 1973, máis coñecido como Txeroki, é un membro da banda terrorista ETA, da que asumiu a xefatura militar no 2008 até a súa detención en novembro do mesmo ano.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nado en 1973 en Bilbao, País Vasco, foi captado para a kale borroka con 24 anos e adestrado no uso de armas por Gorka Palacios e María Soledad Iparraguirre, Anboto, con quen estabeleceu unha estreita amizade.

O seu primeiro atentado foi no 2001, o 7 de novembro. Foi identificado como un dos autores do asasinato do xuíz José María Lidón, cando saía do seu coche en Getxo acompañado da súa muller e seguido noutro vehículo por un dos seus fillos. Tras a tregua de 1998, reorganizou os comandos de ETA, asumindo o mando. Existen sospeitas fundadas de que foi un dos seus lugartenentes o que ordenou in situ o asasinato de dous gardas civís desarmados de 24 e 23 anos en Francia, en decembro de 2007. Ambos os activistas de ETA, tanto Txeroki como o seu lugartenente, estaban entre os terroristas máis buscados nas listas da Garda Civil.

Foi detido a madrugada do 17 de novembro de 2008 na localidade francesa de Cauterets, nunha operación conxunta da Garda Civil e a xendarmería francesa.[1] A policía antiterrorista considerou que foi substituído por Aitzol Iriondo.

Txeroki foi trasladado a España dende Francia en setembro de 2009 de xeito temporal, para ser interrogado en relación a cinco das causas que tiña abertas na Audiencia Nacional. O 30 de maio de 2011 foi trasladado por segunda vez a España, tamén de forma temporal durante tres meses, para asistir como imputado ó xuízo polo intento de asasinato de Enrique Ybarra Ybarra, presidente do Grupo Correo.[2]

Xuízos en España

[editar | editar a fonte]

A comezos de xullo de 2011, Txeroki foi absolto da acusación de participar no envío dun paquete bomba en 2006 contra o que era entón presidente do Grupo Correo, Enrique Ybarra.[3] Porén, no seu segundo xuízo en España poucos días despois, foi condenado pola Audiencia Nacional a 377 anos de prisión por un total de 20 delitos de tentativa de asasinato e estragos terroristas, entre eles o da tenente de alcalde de Portugalete, Esther Cabezudo.[4][5]