Mignons

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Henrique III de Francia, con el, o termo Mignon, que antes tiña a connotación de "favorito", pasou a ter a de "hermafrodita", co significado de homosexual, tras unha campaña política no contexto das guerras de relixión.

Les Mignons (de mignon, en francés termo usado para "os queridiños" ou "os máis delicados") era o nome que recibían os favoritos dos grandes señores da Francia baixomedieval. O termo colleu connotacións homosexuais[1] debido a que estes favoritos reais eran da nobreza mediana provinciana e non dependían de grandes señores, polo que estes comezaron unha campaña de desprestixio para ocupar os seus postos e os privilexios que o acompañaban, por outra banda o rei Henrique III gustaba de rodearse dun grupo de mozos que presumían do luxo fronte ós vellos señores que seguían a pensar que a moda e a galantería eran algo propio de mulleres.

Jacques d'Albon de Saint-André, "Mignon" de Henrique II de Francia

Adoitaban ser os nobres que máis intimidade trababan co rei e a alta nobreza, vestindo luxosamente e de forma estrafalaria para os seus contemporáneos e con poses ambiguas. Aínda que eran ridiculizados polo pobo houbo persoas que mesmo chegaron ao asasinato para chegar a ser o mignon preferido da corte. O termo foi usado polos propagandistas hugonotes burgueses e logo polos da Liga Católica nas guerras francesas da relixión, e nos séculos XVIII e XIX pasou só a definir ós favoritos do rei Henrique III de Francia. Debido á influencia da moral protestante este costume rematou por desaparecer coa caída da dinastía Valois no trono de Francia

Este costume medieval debido a influencias italianas da corte dos Médici pasou aos Valois e foi aproveitado por moitos nobres descontentos para volver á posición privilexiada que estes amantes ocupaban, xa que ser mignon do rei comportaba obter grandes agasallos (en forma de xoias, pazos e mesmo terras). Algúns deles ao monopolizar a intimidade real conseguiron acadar altos postos na administración do Estado (como Anne de Joyeuse e Jean Louis de Nogaret, que acadaron sendos ducados grazas ao favor real).

Retrato contemporáneo do Mignon Louis de Maugiron cun pequeno bonete na cabeza para tapar o ollo que lle faltaba, morreu nujn duelo de mignons.

O nome comezouse a popularizar en 1576 entre o pobo parisino cando Henrique III comezou unha visita pola capital co fin de recadar impostos, segundo o cronista Pierre L, Estoile[2]. Os mignons resultaban ao pobo "moi odiosos, tanto polos seus modais arrogantes como pola súa maquillaxe e vestiario efeminado e procaz". A fama toda levouna o rei Henrique III aínda que os anteriores reis Henrique II e Carlos VIII usaban deles recibindo o nome de Mignons de Couchette (queridiños de leito) e o acceso ó dormitorio real pasou a ser un dos maiores privilexios outorgados pola monarquía. A moral calvinista, menos tolerante ca católica, aínda viu con máis malos ollos o costume de manter unha corte de amantes homosexuais, e aínda por riba que moitos deles foran da mediana nobreza, polo que se formou unha facción cortesá de nobres descontentos, á cabeza dos cales se atopaba o duque de Alençon, que comezou un ataque propagandístico a través de coplas e sonetos satíricos onde se aproveitaba do mito de Ganímedes, polo que a palabra mignon rematou por facer referencia a unha corte de amantes homosexuais[3].

Mignons famosos[editar | editar a fonte]

Anne de Montmorency, mignon de Henrique II,retrato de Jean Clouet.
  • Mignons de Henrique II de Francia:
    • Anne de Montmorency, mariscal e condestable da Francia, mignon de Henrique II.
  • Mignons de Henrique III de Francia:
    • Louis Du Gast, asasinado por orde de Margarida de Valois (a famosa "Raíña Margot") irmá e inimiga de Henrique III
    • François d'O
    • Henri de Saint-Sulpice
    • Jacques de Caylus
    • Louis de Maugiron
    • François d'Espinay de Saint-Luc
  • Mignons do duque Henrique I Guisa:
    • Charles de Balzac.
    • Barón d'Entragues, alcumado como "O Belo Entraguet".
    • Georges de Schomberg
Caricatura dun "Mignon" denunciando o seu carácter efeminado. Surxida en 1605 na L'Isle des Hermaphrodites de Thomas Artus.

O día 7 de abril de 1578 prodúcese o "duelo dos Mignons" entre os mignons[4] do rei Henrique III e os do duque de Guisa. Só sobrevive Entraguet cunha cicatriz na cara. Este feito foi moi criticado nos "ensaios" de Michel de Montaigne e Pierre de Bourdielle e mesmo usado polos membros da Liga Católica para atacar ao rei ao interpretar como blasfemias que o barón de Caylus consagrara a súa morte ao rei en vez de a Deus.

Os mignons na literatura[editar | editar a fonte]

xa en 1590 e contemporáneo aos feitos, Christopher Marlowe na súa obra Eduardo II, traduce o termo Mignon como Minions, onde o rei vai á guerra polo seu favorito, Pierre de Gaveston. Este tema foi reeditado por Bertolt Brecht en "Leben Eduards des Zweiten von England" (A vida de Eduardo II de Inglaterra") e reaproveitado por Paul C. Doherty no seu "O príncipe das tebras".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Katherine B. Crawford, "Love, Sodomy, and Scandal: Controlling the Sexual Reputation of Henry III", Journal of the History of Sexuality 12.4 (October 2003:513–542.
  2. L'Estoile, Madeleine Lazard and Gilbert Schrenck, eds. Diario de Henrique III, vol. 3: 1579–81, 4: 1582–84 (Geneva: Droz) 2000; Este rexistro-diario foi creado postumamente a partir das notas do cronista.
  3. Joseph Cady, "The 'Masculine Love' of the 'Princes of Sodom': 'Practicing the Art of Ganymede' at Henri III's court", in Jacqueline Murray and Konrad Eisenbichler, eds., Desire and Discipline: Sex and Sexuality in the Premodern West (University of Toronto Press) 1996.
  4. Nicolas Le Roux en La faveur du roi: mignons et courtisans au temps des derniers Valois. Champ Vallon, 2001. ISBN 2-87673-311-0. Page 388.