Saltar ao contido

Mexe-mexe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mexe-mexe
editar datos en Wikidata ]

O Mexe-mexe ou Rummy é un xogo de cartas para dúas ou máis persoas. É un xogo que depende moito do raciocinio lóxico e estratéxico dos xogadores, estimula a visión ampla das situacións e permite a interacción de todos os compoñentes da mesa. Conta con moitísimas variacións o que o converte en toda unha familia de xogos de cartas. Entre estas variacións destacan o Gin Rummy, o Oklahoma Gin, o Manipulation e o Hollywood Gin.[1]

Obxectivo

[editar | editar a fonte]

A finalidade do xogo é quedarse sen cartas na man, formando secuencias numéricas do mesmo naipe ou grupos de cartas co mesmo valor e diferente pau.

A baralla e os xogadores

[editar | editar a fonte]

O número de xogadores requirido é de entre 2 e 6, podendo ser un número impar. Xógase con dúas barallas francesas sen os comodíns.[1]

O rango de valor de cartas de maior a menor é o seguinte: K, Q, J, 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, A. (En moitas versións do Mexe-mexe o As pode ser ao mesmo tempo o máis baixo e o máis alto)[2]

Antes de comezar a xogar

[editar | editar a fonte]

Mestúranse as cartas e repártense coas caras para abaixo. O xogador que reparte, faino no sentido das agullas do reloxo e comeza a repartir polo xogador da súa esquerda. Repártense 11 cartas a cada xogador e o xogo inicia polo primeiro integrante que recibiu as cartas.[3]

Noutras versións as cartas recibidas dependen do número de xogadores do seguinte xeito:[1][2]

2 xogadores 3 xogadores 4 xogadores 5 xogadores 6 xogadores
Cartas que se reparten 10 7 7 6 6

Unha vez repartidas as cartas, vírase a primeira carta do mazo das cartas non repartidas, a cal conformará o primeiro elemento do "mazo de descartes".

Na seguinte rolda, barallará e repartirá o xogador da esquerda do que repartiu antes.[2]

En cada quenda, os xogadores deben respectar esta secuencia.

  1. Cóllese a carta superior, ben do mazo ou ben do montón das cartas descartadas
  2. No caso de ser posible, os xogadores poden (aínda que non teñen a obriga) colocar unha combinación de cartas na mesa ou colocar unha carta na combinación doutro xogador.
  3. O xogador debe descartar unha carta, engadíndoa enriba do montón das cartas descartadas. Só no caso de que un xogador combine todas as súas cartas e quede sen ningunha na man, non necesita descartar ningunha.

Se un xogador decide coller unha carta do montón dos descartes, non poderá descartar esa mesma carta.[1]

Combinacións

[editar | editar a fonte]

No Mexe-mexe poden facerse dous tipos de combinacións:

  • Grupos: 3 ou 4 co mesmo valor e diferente pau.
  • Escaleiras: 3 ou máis cartas consecutivas do mesmo pau. Se as regras permiten que o As teña ao mesmo tempo o valor máis alto e o máis baixo poderá colocarse antes do 2 e despois do K. Porén, non se pode formar a seguinte combinación: K, A, 2. O A nunca pode ir no medio, sempre nun extremo.[1]

Deixar cartas

[editar | editar a fonte]

Un xogador pode deixar unha ou varias cartas do seu haber nunha combinación xa realizada na mesa. As cartas que se deixan deben colocarse na mesa en fronte do xogador que as xogou. Vexamos uns exemplos:

Antía combinou un grupo de tres 8. Tareixa pode deixar o seu 8 que ten na man.

Brais formou unha escaleira de 8-9-10 de Corazóns. Darío pode deixar o 7 de Corazóns, o Valete (J) de Corazóns ou ambos, da súa man.[1]

Gañar a rolda

[editar | editar a fonte]

Cando un xogador remata as cartas na man, gaña a rolda.

Se todas as cartas que lle quedan, combinan entre elas, o xogador pode colocalas sen ter que descartar ningunha na última quenda, aquí remata a rolda e non se xoga máis.

Se se xoga a última carta do mazo e ningún xogador gañou, o seguinte xogador pode coller ou ben unha carta de montón dos descartes ou pode converter o montón dos descartes nun novo mazo (sen barallar) e virar a carta superior. Neste caso, o xogo precedería como antes.[2]

Puntuación

[editar | editar a fonte]

O xogador que gaña a rolda recibe tantos puntos como vallan as cartas que quedan na man do resto dos xogadores.

  • Os ases valen 1 punto se só funciona como carta máis baixa, ou 15 puntos se funciona como máis alta e máis baixa ao tempo.
  • As figuras valen 10 puntos cada unha
  • O resto de cartas teñen o valor que marca o seu número.[1]

Mexe-mexe

[editar | editar a fonte]

Se un xogador consegue desfacerse de todas as súas cartas nunha mesma xogada, sen ter xogado antes ningunha carta, todos os puntos que reciba serán duplicados.[1]

Gañar a partida

[editar | editar a fonte]

O primeiro xogador que atinxa un número predeterminado de puntos (150 por exemplo), ou teña máis puntos ao cabo dun número predeterminado de roldas xogadas, é o vencedor.[1]

Variacións

[editar | editar a fonte]

Hai quen xoga tamén cos comodíns, estes poden substituír a calquera outra carta para formar as combinacións. Un xogador, durante a súa quenda, pode cambiar un comodín situado na mesa por unha carta da súa man que sirva. Porén, ese xogador ten a obriga de empregar ese comodín nesa mesma quenda.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Learn the Rules for the Classic Card Game Rummy". The Spruce. Consultado o 2017-11-02. [Ligazón morta]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Rummy (Rum)– Card Game Rules | Bicycle Playing Cards". www.bicyclecards.com (en inglés). Consultado o 2017-11-02. 
  3. "Mexe Mexe Online - MegaJogos". MegaJogos (en portugués). Consultado o 2017-11-02.