María Victoria Lareu
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de marzo de 1960 (64 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | profesora universitaria, médica-legista (pt) |
Premios | |
María Victoria Lareu Huidobro, nada o 7 de marzo de 1960 en Santiago de Compostela, é unha investigadora galega, profesora universitaria e doutora forense.[1][2]
Lareu é a directora do Instituto de Ciencias Forenses da USC e líder mundial neste campo de investigación.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1984, continuou a súa carreira en diferentes centros de investigación estranxeiros de especial relevancia en medicina forense. Así, realizou un importante traballo de investigación no Instituto de Medicina Legal de Coímbra, Portugal, no London Hospital College e no Forensic Science Service de Birmingham. Despois do seu paso polo Reino Unido regresou a Santiago, onde realizou a súa tese doutoral sobre marcadores xenéticos na cirrose hepática alcohólica. O traballo de laboratorio, no Instituto Universitario de Medicina Legal, combinouno coa actividade docente na Facultade de Medicina. En 1996 converteuse en profesora titular nesta mesma facultade. A profesora de Medicina Legal e Forense da USC foi galardoada en 2008 cun dos Premios Galegos do Ano do Grupo Correo Gallego, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Terras de Santiago e Correo Televisión, recoñecendo o seu destacado traballo nos casos como a identificación de vítimas de atentados terroristas como os do 11-S e 11-M, así como a identificación de corpos que regresan ao mar ou restos históricos do xacemento arqueolóxico de Atapuerca ou da Guerra Civil Española.[1] Tamén traballaron na identificación das vítimas do tsunami ou no caso das tres nenas mortas no Crime de Alcàsser.[2]
Desde 1998 é xefa do servizo de Xenética Forense do instituto, no que tamén exerce o cargo de secretaria, e no ano 2007 obtivo a Cátedra de Medicina Legal, converténdose nese momento na terceira muller de España que o consegue. Ademais, Victoria é unha das protagonistas do libro titulado Investigadoras gallegas. Este traballo, publicado polo Grupo Correo Gallego en colaboración co Ministerio de Educación, inclúe 50 entrevistas a outros tantos investigadores galegos.[2]
Dende as instalacións da Facultade de Medicina, Victoria Lareu e os seus colaboradores traballan no deseño de novos métodos de análise forense. Entre os proxectos que dirixe está o que busca determinar as características físicas dunha persoa a partir de calquera rastro biolóxico de ADN, como unha pequena pinga de sangue ou saliva. Outro proxecto trata de paliar a imposibilidade de obter datos de mostras biolóxicas moi degradadas debido, por exemplo, a condicións climáticas moi adversas. Durante a súa carreira, Lareu dirixiu varias teses e participou en case vinte proxectos financiados pola Xunta de Galicia, o Ministerio de Educación de España e a Unión Europea. Tamén ten máis de cen publicacións en xenética forense, xenética humana e bioquímica.[2]
Premios
[editar | editar a fonte]A catedrática de Medicina Legal e Forense, Victoria Lareu Huidobro, foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas 2021.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "La catedrática de Medicina Legal Victoria Lareu, Gallega de Febrero". El Correo Gallego. 01-03-2008. Consultado o 14 de outubro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Casal, Mateo (06/08/2017). "La catedrática de Medicina Legal Victoria Lareu, Gallega de Febrero". La Voz de Galicia. Consultado o 14 de outubro de 2020.
- ↑ "A Xunta distingue á catedrática de Medicina Legal e Forense, Victoria Lareu Huidobro, co Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas". Xunta de Galicia. 2021-11-06. Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-06.