Mario Morán García
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de febreiro de 1915 La Rebollá, España |
Morte | 7 de xaneiro de 1991 (75 anos) Cidade de México |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Participou en | |
24 de abril de 1942 | Congreso de Ferradillo |
Familia | |
Irmáns | Guillermo Morán García |
Mario Morán García, nado en La Caleya (La Rebollá, Mieres) o 5 de febreiro de 1915 e finado en Cidade de México o 7 de xaneiro de 1991, foi un guerrilleiro antifranquista asturiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Membro da UGT. Ingresou na Agrupación Socialista de Ribera de Arriba en 1931 e ao ano seguinte participou na constitución das Juventudes Socialistas da localidade, e foi elixido primeiro secretario. En outubro de 1934 foi detido pola súa participación no movemento revolucionario e sentenciado a vinte anos e un día de reclusión maior, cumprindo a condena no Forte de San Cristovo de Pamplona. Liberado logo da amnistía de febreiro de 1936, reintegrouse ao seu cargo de secretario das Juventudes Socialistas
Na guerra civil formou parte do Batallón Ladreda e despois do Batallón 224. Ao caer Asturias en outubro de 1937 escapou ao monte co seu irmán Guillermo. O seu pai foi fusilado o 14 de abril de 1941, outro irmán foi asasinado pola Garda Civil catro meses despois e a súa nai e as súas dúas irmás estiveron presas e despois foron desterradas. En maio de 1940 formou parte da expedición de dezaseis compañeiros que partiron de Asturias con dirección a Portugal e logo de enfrontarse coa policía portuguesa tiveron que repregarse a Galicia.
En abril de 1942 participou na constitución da Federación de Guerrillas de León-Galicia no Congreso de Ferradillo. Formou parte do seu Estado Maior e foi xefe da II Agrupación Guerrilleira en Ourense até 1946. Colaborou en El Guerrillero co pseudónimo "Karenine". Non puido embarcar no barco fretado por Indalecio Prieto en outubro de 1948 e tivo que saír de España pola súa conta a través da fronteira francesa o 26 de decembro dese ano.
Pasou un curto período en Francia, e despois trasladouse a México, onde formou parte da Agrupación Socialista Española, pero por desavinzas coa política de Indalecio Prieto acabou dándose de baixa. En México traballou como camareiro. Coa fin da ditadura franquista visitou España e en 1985 participou na gravación dun programa da serie Vivir cada día de TVE titulado “Tres octubres”, onde relatou a súa experiencia guerrilleira.