Marcado de datas (na etiquetaxe dos alimentos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marcado de datas erróneo nun peixe espada conxelado: a fotografía foi tomada o 23.07.2012

Na etiquetaxe de tódolos produtos alimenticios envasados, salvo contadas excepcións, debe indicarse a data de caducidade ou a data de consumo preferente.

A data de caducidade aplicarase sobre aqueles alimentos microbioloxicamente moi perecedoiros, é dicir, aqueles que ó cabo dun breve período de tempo poden ser causa de intoxicacións alimentarias. Trátase dunha información necesaria para a seguridade alimentaria dos consumidores.

A data de consumo preferente aplicarase sobre aqueles alimentos non perecedoiros nun breve prazo e que, superado este, non representan un perigo sanitario senón unha perda de calidade ó poderse altera-las características organolépticas propias do alimento.

A forma de expresa-lo marcado de datas nos alimentos está definida polo RD 1334/1999, de 31 de xullo, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios (BOE nº 202, 24.08.1999).

A indicación das datas deberá estar impresa de forma clara, perfectamente lexible e ben visible. Nunca se deberán admitir produtos alimenticios nos que estea manipulada ou tapada con calquera outra marca ou etiqueta (como tal, coa etiqueta do prezo).

Fabricantes, distribuidores e inspección oficial son os responsables de que se cumpra a Norma, pero son os consumidores quen deben exercita-lo seu dereito de comprar un produto cando cumpra as súas esixencias ou de rexeitalo cando se lle negue unha información á que ten dereito.

A denominación de venda, a cantidade neta e o marcado de datas deberán figurar no mesmo campo visual do envase, agás nos pequenos envases (menores de 10 centímetros cadrados na súa cara maior) nos que só será obrigatorio a cantidade neta e o marcado de datas.

Pode indicarse a continuación das expresións anteditas ou cunha referencia ó lugar onde se indica na etiqueta.

Determinados produtos están exentos de indica-lo marcado de datas:

  • As froitas e hortalizas frescas, incluídas as patacas que non foran peladas, cortadas ou sometidas a calquera outro tratamento similar. Esta excepción non se aplicará ás sementes xerminadas nin a produtos similares como os abrochos de leguminosas.
  • Os viños e produtos similares obtidos a partir de froitas distintas da uva.
  • As bebidas cunha gradación alcohólica do 10% ou superior.
  • As bebidas refrescantes sen alcohol, zumes de froitas, néctares de froitas e bebidas alcohólicas en envases individuais de máis de cinco litros destinados ás colectividades.
  • Os produtos de panadería ou repostería que se consumen normalmente no prazo de vinte e catro horas despois da súa fabricación.
  • Os vinagres.
  • O sal de cociña.
  • O azucres en estado sólido.
  • Os produtos de confeitería consistentes case exclusivamente en azúcres aromatizados ou coloreados.
  • As gomas de mascar e produtos similares.
  • As porcións individuais de xeados.

Notas[editar | editar a fonte]

A indicación das datas de caducidade ou de consumo preferente é obrigatoria para os alimentos envasados. Quérese dicir que nos alimentos non envasados (presentación habitual da carne fresca, do peixe fresco, froitas, verduras e hortalizas, conxelados a granel etc.) non teñen a obriga de indicalas.

Debe terse presente, igualmente, que o envoltorio no que se entregan estes alimentos ó consumidor (papel, bolsas plásticas etc.) non se considera envase, e polo tanto non ten por qué incluír esta información.

No caso dos moluscos bivalvos vivos (mexillón, ameixas, ostra, navalla etc.) a Norma obriga a indica-la data de envasado e permite substituí-la data de caducidade pola expresión “Estes moluscos estarán vivos no momento da súa venda”.

Canto á idioma da etiquetaxe, a Norma impón expresa-la información obrigatoria (entre outras, o marcado de datas) en castelán, como mínimo, polo que o habitual será que a forma na que poidamos ler esta información nos produtos que adquirimos habitualmente será “Fecha de caducidad” ou “Consumir preferentemente antes del / antes del fin de”.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]