Malaria das aves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Plasmodium relictum
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Alveolata
Filo: Apicomplexa
Clase: Aconoidasida
Orde: Haemosporida
Familia: Plasmodiidae
Xénero: Plasmodium
Especie: P. relictum

A malaria das aves ou malaria aviaria é unha enfermidade parasitaria das aves, xeralmente causada polo protozoo Plasmodium relictum (ver a súa clasificación no cadro taxonómico).

Etioloxía[editar | editar a fonte]

A malaria das aves está causada fundamentalmente pola especie de protozoos Plasmodium relictum, que infecta as aves en todas as partes do mundo agás a Antártica. Non obstante, hai outras especies de Plasmodium que en raros casos poden tamén infectar ás aves, como Plasmodium anasum e Plasmodium gallinaceum, pero estas teñen normalmente menos importancia para a industria da avicultura. A enfermidade está distribuída mundialmente, con algunhas importantes excepcións.[1] Xeralmente, non mata as aves, pero en áreas onde a malaria das aves é de nova introdución, como as illas Hawai, pode ter resultados devastadores para as aves que perderon a súa resistencia evolutica co tempo e o illamento.

En Hawai o vector é o mosquito Culex quinquefasciatus, que foi introducido nas illas en 1826. Desde entón, a malaria das aves e a varíola das aves devastaron as poboacións de aves nativas, causando moitas extincións, ata o punto que Hawai é a parte do mundo no que se rexistraron máis extincións de aves, e a doenza ameaza a existencia de todas.

Proceso da doenza e epidemioloxía[editar | editar a fonte]

O Plasmodium relictum reprodúcese nos eritrocitos. Se a carga de parasitos é suficientemente alta, as aves empezan a perder eritrocitos, o que lles causa anemia (USDI e USGS 2005). Como estas células son esenciais para transportar o oxíxeno polo corpo, a perda destas células pode orixinar unha progresiva debilidade e, finalmente, a morte (USDI e USGS 2005). Unhas especies de aves son máis susceptibles á malaria que outras.

A incidencia desta doenza case triplicou nos últimos 70 anos. Foron notablemente afectados os pardais comúns (Passer domesticus), ferreiriños abelleiros (Parus major), e papuxas das amoras (Sylvia atricapilla). Antes de 1990, cando as temperaturas globais eran máis frías que agora, menos do 10% dos pardais estaban infectados de malaria. Porén, en anos recentes, esta cifra incrementouse ata case o 30%. Igualmente, desde 1995, a porcentaxe de papuxas das amoras infectadas de malaria subiu do 3 ao 15%. Outro exemplo, é a avelaiona (Strix aluco) en Reino Unido no que a incidencia da malaria subiu do 2 ou 3% ao 60%.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clark, Nicholas; Clegg, S.; Lima, M. (2014). "A review of global diversity in avian haemosporidians (Plasmodium and Haemoproteus: Haemosporida): new insights from molecular data.". International Journal for Parasitology 44 (5): 329–338. PMID 24556563. doi:10.1016/j.ijpara.2014.01.004. 
  2. GaramszegI, László Z (2011). "Climate change increases the risk of malaria in birds". Global Change Biology 17 (5): 1751–1759. doi:10.1111/j.1365-2486.2010.02346.x. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]