Lotaría Nacional de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lotaría Nacional de España
Logo
Logotipo da Lotaría Nacional de España. Representa o bombo metálico onde se colocan as bólas para a celebración do sorteo
TipoLotaría
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Lotaría Nacional é un dos xogos de azar máis populares en España. A lotaría ten unha tradición centenaria e un grande arraigamento na sociedade española. A Lotaría Nacional depende de Loterías y Apuestas del Estado (LAE) que á súa vez depende do Ministerio de Economía e Facenda.

Historia[editar | editar a fonte]

A lotaría en España chegou da man de Carlos III, que a importou dunha tradición de Nápoles e era igual que a agora chamada Lotería Primitiva. O primeiro sorteo tivo lugar o 10 de decembro de 1763.

A lotaría moderna, tal como a coñecemos, naceu en Cádiz en 1811, por iniciativa de Ciriaco González Carvajal, para achegar fondos á Facenda Pública que quedou resentida pola guerra da Independencia. A Real Lotaría Nacional de España foi creada por instrución de 25 de novembro de 1811. Concibida como «un medio de aumentar os ingresos do erario público sen quebranto dos contribuíntes», ten lugar en Cádiz o primeiro sorteo o 4 de marzo de 1812. Circunscrita en principio a Cádiz e San Fernando, salta despois a Ceuta e a toda Andalucía, conforme avanzaba a retirada dos exércitos napoleónicos. O 28 de febreiro de 1814 celébrase o primeiro sorteo en Madrid, desde entón sede da Lotaría Nacional de billetes.

Coa volta ao poder de Fernando VII, impón que se chame "Lotaría Moderna" ata que durante o Trienio Constitucional, vólvese a "Lotaría Nacional", pasando outra vez a "Moderna" á volta do absolutismo ata que despois da morte de Fernando VII xa pasa definitivamente a "Nacional", mesmo no período da guerra civil, onde cada bando tiña a súa propia "Lotaría Nacional".

Billete, décimo, serie e número[editar | editar a fonte]

O décimo é o documento mínimo necesario para participar nos sorteos da Lotaría Nacional de billetes:

  • Un billete son dez décimos dun mesmo número e serie.
  • A serie é cada unha das sucesións de billetes numerados do 00000 ao último.
  • A fracción identifica a cada un dos dez décimos dun mesmo billete, de maneira que calquera décimo é distinguible de calquera outro, mesmo aínda que sexa do mesmo número e da mesma serie.

Vexamos isto nun caso concreto: no sorteo de Nadal xóganse 100.000 números (do 00000 ao 99.999) cunha emisión de 160 series formando cada unha das series un billete. É dicir: 160 series implica que de cada número se emiten 160 billetes. Cada serie consta de 10 fraccións. Así cada número xógase en 160 x 10 = 1600 décimos. O total de décimos emitidos é de 1600 x 100.000 = 160.000.000.[Cómpre referencia]

Os billetes da Lotaría Nacional considéranse valores do Estado, e a súa falsificación ou emenda suxéitanse ás prescricións do Código Penal.[Cómpre referencia] Ademais, os billetes son documentos ao portador, polo que non se recoñece máis dono deles que a persoa que o presente, sen prexuízo de dereito de terceiro, con intervención dos Tribunais ordinarios.

Vendas da lotaría desde 1940[editar | editar a fonte]

Ano Millóns de pesetas recadados Millóns de euros recadados
1940 330 1,98
1945 912 5,48
1950 1.807 10,86
1955 2.845 17,10
1960 5.359 32,21
1965 11.688 70,25
1970 25.089 150,80
1975 66.262 398,29
1980 197.586 1.187,64
1985 321.752 1.933,98
1989 389.769 2.342,81
2015 8.780,00[1]
Fonte: Organismo Nacional de Loterías y Apuestas del Estado[2]

Tipos de sorteos[editar | editar a fonte]

Sistema tradicional[editar | editar a fonte]

O salón de sorteos está precintado desde a noite anterior ao sorteo polos claveros, tres persoas cunha chave distinta cada unha.

As bólas, tanto de premios como de números, teñen 18,8 milímetros de diámetro e 3 gramos de peso. Son de madeira de buxo, cos números e letras gravados. Adoitaban ser gravadas primeiro tallando o número na propia bóla, pero iso modificaba o peso das bólas en cuestión, polo que se pasou a utilizar o lume para gravalas. Actualmente, utilízanse láseres para marcar o número sen modificar o peso da bóla. Antes do sorteo as bólas disponse nas liras, para comprobalas. As liras, colgadas nos paraugas, envórcanse na moega, transparente, que á súa vez se envorca no bombo.[3]

O bombo é a caixa esférica e xiratoria que contén as bólas durante o sorteo. Unha por unha as bólas caen na trompeta que as conduce até a copa.[3] Deste recipiente de cristal cóllense para cantalas. Na copa non debe haber máis dunha bóla cada vez, pero se por algún fallo contivese dúas cantarase primeiro a que está debaixo.

As bólas cantadas vanse inserindo nas táboas por orde de premios e de números.[3]

En 1965, salvo no sorteo de Nadal e sorteos especiais que LAE decida, abandonouse este sistema tradicional en favor do sorteo por bombos múltiples.[4]

Sistema moderno ou de bombos múltiples[editar | editar a fonte]

Disponse cinco bombos automáticos e cinco depósitos nos que se almacenan unha serie de táboas cos dez números do 0 ao 9 impresos en gran tamaño. Antes de empezar, debaixo de cada bombo móstranse dez bólas do mesmo material, cor e peso, visibles para o público. Estas bólas, do mesmo xeito que as táboas, están numeradas do 0 ao 9. Ao comezar o sorteo, os nenos de San Ildefonso, dous por bombo, introducen a man as bólas en cada bombo a través dun tubo superior. Unha vez con todas dentro, as bólas serán removidas no interior do bombo por un sistema de brazos mecánicos.

Un dos nenos entre o público terá un pulsador que ofrecerá a calquera dos asistentes ao chou, quen ao pulsar o botón, abrirá os bombos para que de cada un caia unha das bólas. A bóla extraída é recollida por un dos nenos, quen a mostra ao seu compañeiro e á mesa. O compañeiro recollerá a táboa co mesmo número da bóla extraída. Cando todos estean preparados, cada neno cantará a súa bóla mentres o seu compañeiro levanta a táboa mostrando o número. Cantaranse os números por orde de esquerda a dereita, decenas de milleiro, unidades de milleiro, centenas, decenas e unidades, e outro neno cantará o número completo.

Este procedemento repetirase tantas veces como premios ao billete teña o sorteo, reintroducindo as bólas no bombo. Ademais tamén poden realizárense extraccións utilizando só catro, tres, dous ou un bombo se o que se busca é extraer premios a terminacións de números. Se houbese no sorteo correspondente un premio especial ao décimo, realízase unha extracción máis do bombo das decenas de milleiro e outro das decenas, correspondentes á fracción e á serie que identifican o décimo do primeiro premio que levará o premio especial. No caso de que nestas extraccións saíse nalgún momento o número 0, entenderíase que corresponde á fracción ou serie 10ª.

O primeiro sorteo celebrado con esta modalidade foi en 1962, no Teatro Español.

Sorteos e premios[editar | editar a fonte]

Realízanse sorteos semanalmente, os xoves e sábados de cada semana, e excepcionalmente celébranse varios sorteos extraordinarios ao ano. Entre estes, os que alcanzaron a fama a nivel internacional e cuxos billetes se venden vía Internet a todo o mundo, son o Sorteo Extraordinario de Nadal e o Sorteo Extraordinario do Neno, celebrados o 22 de decembro e o 6 de xaneiro respectivamente. O primeiro sorteo extraordinario de Nadal tivo lugar en Cádiz o 18 de decembro de 1812.

A cantidade que se distribúe en premios é do 60 % do importe total dos billetes de que consta cada sorteo, quedando o 40 % restante a favor do Estado. Isto non pode ser modificado senón por unha lei que sinale expresa e concretamente novos tipos.[5]

De todos os sorteos celebrados até agora, só nunha ocasión, no sorteo de Nadal de 1931, "o Gordo", que recaeu no número 24717, quedou deserto.[6]

A probabilidade de gañar o premio gordo na Lotaría de Nadal é de 1/100.000; se xogamos dous números sería de 2/100.000 e así sucesivamente[7]

Operador e regulador do xogo[editar | editar a fonte]

Venda de billetes en Zaragoza

A Lotaría Nacional depende da Sociedade Estatal de Loterías y Apuestas del Estado (SELAE) que é unha empresa pública e que á súa vez depende do Ministerio de Facenda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "loterias > Detalle Noticia Web Corporativa". www.selae.es. Consultado o 19-12-2016. 
  2. Anuario 1990 el país (en castelán). Ediciones El País. p. 292. ISBN 84-86459-29-X. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Vocabulario para no perdernos mientras seguimos el Sorteo de Loteria de Navidad". Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2016. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  4. Lotería del niño: Guía y preguntas
  5. «Información dos sorteos de Lotería Nacional.», (en castelán).
  6. "«Lotería de Navidad: El Gordo, la historia de 201 años de suerte y supersticiones»". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2017. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  7. «Probabilidades de premio en las loterías españolas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]