Lokalize

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo do Lokalize.

Lokalize (antes coñecido coma KAider) é unha aplicación libre para a localización de software desenvolvida polo proxecto KDE e que forma parte da KDE Software Compilation, baixo a rama "Kdesdk". A ferramenta céntrase na efectividade e maila produtividade, procurando que o tradutor poida centrarse unicamente en traducir as mensaxes á súa lingua. Actualmente atópase na súa versión 1.0.

Orixe[editar | editar a fonte]

Nick Shaforostoff comezou o desenvolvemento do Lokalize baseándose no código fonte do KBabel. Lokalize entrou a formar parte da KDE Software Compilation na súa versión 4, en substitución de KBabel.

Funcionalidades[editar | editar a fonte]

Lokalize usado para traducirse a si mesmo.

O sistema de tradución de Lokalize consiste basicamente nunha tradución por parágrafos no caso da documentación, e unha tradución por mensaxes ("cadeas de texto") para a tradución de interfaces. A ferramenta está enfocada principalmente á utilización de memorias de tradución e glosarios de termos, que facilitan a tarefa do tradutor e reducen a probabilidade de que este cometa erros involuntarios na tradución. O programa pode configurarse para que complete automaticamente os ficheiros cos datos do tradutor (nome, correo electrónico, lista de correo etc.).

Se ben aínda non conta con todas as funcionalidades que caracterizaban ao seu antecesor, e algunhas non serán engadidas ̣─como a ferramenta de selección de caracteres[1]─, Lokalize é unha aplicación bastante completa.

Outra importante funcionalidade é o traballo con "proxectos". O concepto de "proxecto" consiste xeralmente nun paquete de software, ou nalgúns casos en todo un grupo de software (como a KDE SC). Este modo de traballo permite xestionar para cada proxecto os directorios cos ficheiros orixinais, os das traducións, un glosario para utilizar na tradución ou mesmo unha segunda póla de tradución ("estable" e "inestable", por exemplo) de xeito que ao traducir na principal sincronízase coas traducións da segunda póla.

Ademais, entre outras, cómpre salientar as seguintes funcionalidades:

  • Realzado sintáxico[2].
  • Corrección ortográfica.
  • Busca e substitución automatizada de cadeas de texto.
  • Soporte para memoria de tradución e glosario, ambos accesibles mediante atallos.

Adicionalmente, as funcións do Lokalize poden ampliarse mediante guións escritos en linguaxes de programación coma Python ou JavaScript.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Considérase innecesaria.
  2. Cambia o estilo do texto segundo de que parte se trate. Así, permite diferenciar a parte da mensaxe que é texto traducible da que non o é, coma saltos de liña de C (\n), etiquetas HTML etc.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]