KDE Software Compilation

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
KDE logo.svg  KDE
KDE 4.png

KDE na súa versión 4.2
Desenvolvedor: KDE
Última versión: KDE 4.2.4 (6 de xuño do 2009)
Sistema operativo: Linux, BSD, Solaris, Windows, Mac OS X
Xénero: Ambiente de escritorio
Licenza: GPL
En galego: Si
Sitio web: www.kde.org

O KDE (K Desktop Environment) é un proxecto internacional de software libre no que traballan centos de enxeñeiros informáticos e outros voluntarios de tódalas partes do planeta a través da internet para desenvolver un ambiente de escritorio completo, repleto de funcións mais sinxelo de usar, e máis toda unha serie de aplicacións destinadas a diversos usos[1].

KDE ofrece por unha banda un ambiente de escritorio completo, que logo de 12 anos de traballo ininterrompidos avanza pola súa versión 4, e toda unha serie de aplicacións, instalables en diferentes ambientes de escritorio e plataformas, que cobren as necesidades de xestión de ficheiros, reprodución de son e vídeo, produción de textos, follas de cálculo, bases de datos ou presentacións, navegadores web e comunicación pola web, xestión de calendarios, correo electrónico e novas, produción e manexo de datos científicos, videoxogos, etc.

Historia do proxecto[editar | editar a fonte]

KDE foi fundado en 1996 por Matthias Ettrich, cando era estudante na Universidade Eberhard Karls de Tubinga (Alemaña)[2]. Ettrich estaba daquela preocupado por certos aspectos dos escritorios de Unix.

Entre as súas queixas estaba o feito de que ningunha das aplicacións informáticas eran semellantes entre elas en aspecto ou na forma de traballar. Daquela, non só propuxo a creación dun paquete de aplicacións, senón a creación dun ambiente de escritorio do que se puidese esperar que as cousas parecesen operar e operasen dun xeito consistente. Quería ademais que ese escritorio fose sinxelo de usar, de feito, unha das súas queixas era que a súa moza non fose quen de empregalos.

A súa entrada inicial na Usenet xerou moito interese e derivou no nacemento do proxecto KDE. O nome do proxecto xurdiu coma un xogo de palabras entre o existente Common Desktop Environment, dispoñible para sistemas Unix, e "cool" (forma inglesa que significa "estupendo", "sensacional", "magnífico"). Así pois, KDE son as siglas de «Kool Desktop Environment» (inglés para "Ambiente de Escritorio Karalludo")[3].

CDE era un ambiente de escritorio baseado en X11 e desenvolvido en conxunto por HP, IBM e Sun, a través da compañía X/Open e cunha interface e ferramentas de produtividade baseadas en Motif. Supoñíase que debía ser un escritorio sinxelo e fácil de empregar. Inda que inicialmente se considerou que a K debía de facer referencia á palabra kool axiña se decidiu que non debía de facer referencia a nada en particular, quedando KDE coma siglas de «K Desktop Enviroment» ("Ambiente de Escritorio K").

Matthias Ettrich escolleu empregar o grupo de ferramentas de Qt para o proxecto KDE, principalmente pola súa facilidade de uso e para centrarse en desenvolver o escritorio e non pararse en desenvolver as súas bibliotecas. Outros programadores rapidamente comezaron a programar aplicacións aplicacións KDE/Qt e a comezos do 1997 xa se liberaran unhas poucas aplicacións. Nese momento Qt non estaba a empregar unha licenza libre, e os membros do proxecto GNU comezaron a expresar a súa preocupación polo feito de que para crear aplicacións libres se empregara un contorno de programación privativo. KDE foi mesmo eliminado do proxecto Debian, xa que os seus desenvolvedores interpretaban que a licenza GNU Public License non permitía a vinculación entre KDE e Qt. En resposta a este paradoxo naceron dous proxectos: o Harmony, para crear un substituto libre das bibliotecas Qt, e o proxecto GNOME, que pretendía crear un escritorio novo sen empregar Qt e construílo enteiramente con software libre.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Como moitos dos proxectos de software libre, KDE está xestionado polo esforzo de centos de voluntarios, inda que compañías coma Mandriva, Novell e Trolltech contribuíronn e contribúen ao proxecto contratando desenvolvedores que traballen para este. A organización do proxecto realízase a través de roldas de correo, sesións de IRC e, de cando en vez, reunións dos voluntarios, principalmente na chamada Akademy. O proxecto KDE e os eventos relacionados con este adoitan ser patrocinados por persoas, universidades ou empresas. Mark Shuttleworth, Intel ou Novell son patróns do proxecto.

As linguaxes de programación nas que se pode traballar en KDE para o seu desenvolvemento son C++, Python, Ruby e C#, inda que hai soporte en desenvolvemento para Lua, PHPe KBasic[4].

Inda que o proxecto conta con centos de voluntarios de tódalas partes do mundo, o proxecto mantén unha forte base na Alemaña, e en xeral en Europa.Os servidores web están situados nas universidades de Tubinga e Kaiserslautern. Amais, adoitan ser habituais as reunión no país xermano.

A marca KDE posúea unha organización non gobernamental e sen ánimo de lucro, a KDE e.V..

Bases tecnolóxicas[editar | editar a fonte]

KDE aséntase sobre os seguintes piares tecnolóxicos:

  • KDELibs, unha colección de bibliotecas construídas sobre Qt que ofrecen frameworks e funcionalidades para os desenvolvedores de software compatible con KDE. As bibliotecas de KDE licéncianse baixo a LGPL. KDELibs compóñeno libkdecore, libkdeui, libkabc, libknewstuff, libkspell2 e libkutils.
  • KHTML, a tecnoloxía de renderizado de HTML propia de KDE. Emprégaa principalmente o navegador web Konqueror.
  • KIO, siglas de KDE Input/Output, ofrece acceso a ficheiros, sitios web e outros recursos por medio dunha consistente e única API. KIO permite que aplicacións coma Konqueror empreguen ficheiros aloxados na web coma se estivesen almacenados localmente. KIO slaves son programas individuais que dan soporte a protocolos específicos, coma HTTP, FTP, SMB, SSH, FISH, SVN, TAR, etc.
  • Kiosk, que permite desactivar recursos dentro de KDE co fin de crear un ambiente máis controlado.
  • KPart, lixeiro compoñente gráfico de framework en proceso.
  • KWin, xestor de fiestras para o X Window System. Dende a serie 4 ofrece un escritorio repleto de efectos en tres dimensións, coma o cambio de escritorios en cubo ou cilindro, as fiestras flexibles ou o renderizado de sombras nas fiestras.
  • XMLGUI, que permite definir elementos coma os menús e as barras de ferramentas por medios de ficheiros XML.
  • Plasma, introducido na cuarta serie, é o motor de renderizado do escritorio e dos trebellos. Ofrece unha interface para KDE independente da resolución de pantalla. Os trebellos de plasma adoitan chamarse plasmoides. Unha importante característica de Plasma é que xa non existe distinción entre os paneles, as iconas de escritorio e os trebellos: todos son creados da mesma maneira.
  • Phonon, API multimedia da cuarta serie de KDE. Foi creado para permitir que KDE 4 fose independente de calquera framework específica, coma GStreamer ou Xine. Sustitúe á aRts.
  • Solid, nova framework de integración de dispositivos de KDE4. Traballa actuando, igual ca Phonon, independentemente das frameworks específicas da que se sirva.
  • Sonnet, motor de corrector ortográfico multilingüe que inclúe a cuarta serie de KDE. Sonnet sustitúe a kspell2 de KDE 3. Como características máis salientables, ofrece a detección automática da lingua, un mellor rendemento e mellora o soporte de linguas complexas coma o xaponés ou o tailandés.
  • ThreadWeaver, biblioteca para usar sistemas multiprocesador máis efectivamente.

Internacionalización[editar | editar a fonte]

O proxecto KDE, como a meirande parte do software libre, mantén o compromiso de facilitar a tradución e adaptación deste software ás diferentes linguas do planeta. O modo que se realizan as traducións é aberto e participativo e nútrese de voluntarios. No sitio oficial de KDE aparecen rexistrados grupos de tradución de 104 linguas diferentes, 92 deles activos.

Entre as linguas ás que se traduce hai moitas linguas europeas, asiáticas, algunhas africanas e, inda que escasas, linguas indíxenas americanas e oceánicas. Cabe salientar a alta presenza de linguas minoritarias ou minorizadas entre as linguas europeas, coma é o caso do feroés ou o frisón. As linguas africanas e asiáticas ás que se traduce son todas linguas oficiais ou con grande cantidade de falantes, coma o xhosa ou o hindi.

O equipo de tradución de KDE ao galego, xestionado dende o proxecto Trasno, leva varios anos activo. Co lanzamento da serie 4 conseguiu a total tradución do escritorio: a primeira vez que se conseguiu completar foi na versión 4.1.

Lanzamentos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lanzamentos de KDE.

Cada nova serie de KDE inicia unha nova versión do ambiente de escritorio. Estes lanzamentos poden rachar a compatibilidade coas predecesoras, facer reorganizacións importantes ou ser continuístas co feito polo proxecto anteriormente. Dentro de cada serie distínguense dous tipos de lanzamentos, os maiores, e que son marcados cun número tralo da serie, e os menores, que se suceden entre lanzamentos maiores.

KDE 1[editar | editar a fonte]

KDE na súa versión 1.0.

A primeira versión de KDE, KDE 1.0 liberouse o 12 de xullo do 1998. KDE presentouse coma un ambiente de escritorio contemporáneo e amigable para sistemas UNIX, similar aos seus competidores Mac OS e Windows. Un escritorio libre de custos e de monopolio, estable, e que lles daría aos sistemas UNIX coma GNU/Linux competencia fronte a sistemas privativos como os xa mencionados[5].

En novembro dese mesmo ano, o grupo de ferramentas Qt dispoñía dunha dobre licenza, por unha parte baixo a licenza libre QPL (Q Public Licence), aplicable aos produtos libres creados con Qt, e por outra baixo unha licenza privativa, que requiría que o software privativo producido con Qt pagase unha fianza a Trolltech. Ese mesmo ano creouse a KDE Free Qt Foundation para garantir que no caso de que Trolltech deixase de existir Qt fose liberado baixo a licenza BSD se antes de 12 meses non se liberaba unha versión libre de Qt.

O debate continuou acerca da compatibilidade coa GPL así que, en setembro do ano 2000, Trolltech puxo a disposición pública a versión UNIX de Qt baixo licenza GPL, ademais da QPL[6]. Este lanzamento eliminaba calquera preocupación existente na Free Software Foundation.

KDE 2[editar | editar a fonte]

KDE na súa versión 2.0.

A segunda serie de KDE comeza o 23 de outubro do ano 2000 co lanzamento de KDE 2.0[7]. Coa experiencia gañada no desenvolvemento da primeira versión de KDE, creouse KDE 2, buscando facelo inda máis intuitivo, potente e amigable. Introduciuse nova tecnoloxía que posteriormente tería un forte impacto no proxecto. Esta nova tecnoloxía inclúe KParts, KIO, DCOP e KHTML. As novas aplicacións que aparecen na serie son Konqueror, o navegador web e xestor de ficheiros do proxecto que se serve de KHTML, e o paquete ofimático Koffice.

A serie sufriría dúas grandes actualizacións máis. A 2.1 foi liberada o 26 de febreiro do 2001, e nela apareceu por vez primeira a aplicación Noatun. A seguinte versión, a 2.2, lanzada en agosto dese mesmo ano, iniciaba as aplicación na metade de tempo en GNU/Linux e melloraba a estabilidade e capacidade de renderizado de HTML e JavaScript. Ademais, incluíronse máis extensións para Konqueror. Kmail viuse mellorado coa capacidade de xestionar o protocolo de correo IMAP, incluíndo SSL e TLS, namentres que KOrganizer incluiu soporte para iCalendar. Outras melloras foron unha nova arquitectura de extensións para a impresión e unha interface de personalización.

KDE 3[editar | editar a fonte]

KDE na súa versión 3.0.
3.2
KDE na súa versión 3.5.

A terceira serie extendeuse moito máis que as anteriores, pois contou con seis grandes lanzamentos. De feito, a versión 3.0 publicouse o 3 de abril do ano 2002[8] e a última gran actualización data do 29 de novembro do ano 2005. De feito, a última versión de KDE 3 foi a 3.5.10, que se publicou o 26 de agosto do 2008.

Os cambios na API entre KDE 2 e KDE 3 foron comparativamente menores, o cal pode ser entendido coma que KDE 3 foi unha gran continuación de KDE 2. Tódalas versión de KDE 3 construíronse con Qt3, que xa se liberara baixo a GPL para GNU/Linux e sistemas similares a UNIX. Coa versión 3.0 fixeron debut melloras nas capacidades para o uso de KDE en ambientes restrinxidos, coma cibercafés, unha nova framework de impresión, KDEPrint, e un caderno de enderezos centralizado.

A versión 3.1 vería melloradas as funcións de KDEPIM, introduciría a navegación por lingüetas en Konqueror e introduciría o xestor de descargas KGet, entre outras melloras. Moi especialmente, nesta versión introdúcense un novo tema predefinido para as fiestras, Keramik, e o paquete de iconas Crystal, que cambian o estilo do escritorio.

As melloras foron de novo notables na versión 3.2 que, entre outras, mellorou o aspecto gráfico do escritorio e aspectos da facilidade de uso. Engadiu o corrector ortográfico Ispell e introduciu notables aplicacións, coma o cliente de mensaxería instantánea Kopete, o xestor de contrasinais KWallet, Kontact, KGpg, o reprodutor de son Juk...

A seguinte gran actualización, a 3.3, estivo principalmente adicada a mellorar a integración de diferentes partes do escritorio. Destacan entre as melloras as relacionadas co soporte de protocolos de mensaxería instantánea. Porén, a 3.4 estivo adicada a mellorar a accesibilidade do escritorio, inda que non deixaron de aparecer melloras na lectura de ficheiros PDF, fontes RSS, xestión de ficheiros SVG e na implementación de CSS.

A versión 3.5 aparece no 2005 e dura ata a actualidade pois sufrirá unha pequena revisión en Agosto do ano 2008. Nese momento será pechado o seu desenvolvemento en favor da nova serie, que debutou a comezo deste ano, 2008. Esta lonxeva versión sofre múltiples revisións e engade funcionalidade en case tódolos puntos do escritorio.

KDE 4[editar | editar a fonte]

Artigo principal: KDE4.
KDE na súa versión 4.0.

A nova serie, denominada xenéricamente KDE4, foi xestada durante varios anos e lanzada por primeira vez o 11 de xaneiro do 2008[9]. Esta cuarta serie, vixente na actualidade, está baseada en Qt 4, e sendo este publicado baixo a GPL para Windows e Mac, KDE pasou nesta versión a ser portable a estas outras plataformas.

A serie supón unha profunda revisión dos piares tecnolóxicos nos que se asentaban as súas predecesortas. A peza fundamental neste cambio é o redeseño do escritorio e os paneis que pasan a formar parte da mesma tecnoloxía, colectivamente chamada Plasma. Este novo redeseño está pensado para crear un espazo de traballo máis flexible, que permita rachar co vello paradigma do escritorio. Así mesmo, con esta cuarta entrega debutan unha serie de bibliotecas novas, que van dende Phonon, unha interface multimedia que fai que KDE sexa independente de calquera motor específico, ou Solid, unha API para redes e dispositivos móbiles, a Decible, unha biblioteca que integra tódolos protocolos de comunicación presentes no escritorio.

Do mesmo xeito fai aparición un motor de metadatos e de procura para KDE que combina Strigi, un servizo de indexado completo de ficheiros de texto, con NEPOMUK.

Aplicacións de KDE[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lista de programas de KDE.

O ambiente de escritorio KDE non só ofrece a funcionalidade básica dun ambiente de escritorio, senón que dispón dunha cantidade importante de programas que cobren as necesidades básicas do uso dun ordenador, como son a xestión de ficheiros, a navegación web, o correo electrónico, a mensaxería instantánea, a reprodución de son e vídeo, a ofimática, o ocio, a educación, etc.

As aplicacións propias de KDE poden ser tando producidos polo propio proxecto coma por terceiros. De feito, existe un amplo abano de aplicacións para este escritorio que non son producidas polos desenvolvedores do proxecto KDE. De entre os programas que son producidos polo proxecto, pódese facer unha distinción en canto ao ritmo de lanzamento das versións. Unha gran parte dos programas do proxecto son publicados canda as novas versións do proxecto, mais hai outros que non seguen o calendario marcado polos lanzamentos do escritorio e lanzan as novas versións a un ritmo propio. Estes últimos programas son os que compoñen KDE Extragears. Dentro desta categoría existen programas tan relevantes coma Amarok, Digikam ou Kaffeine.

KDE en diferentes plataformas[editar | editar a fonte]

KDE foi inicialmente deseñado para ser executado en plataformas UNIX e baseadas neste, coma GNU/Linux e BSD. Dende os incios do proxecto, KDE estivo presente nas principais distribucións de GNU/Linux e BSD, sendo nalgunhas o único ambiente de escritorio dispoñible. Co inicio da migración da librería de Qt a diferentes plataformas deuse a posibilidade técnica de migrar KDE a estas. Hoxe e día existen varios grupos de traballo que manteñen o soporte nos sistemas libres baseados en UNIX, e outros que o desenvolven o escritorio nas plataformas privativas Mac OS e Windows.

UNIX e derivados[editar | editar a fonte]

KDE aparece incluído en case que tódalas principais distribucións de GNU/Linux. A data de adopción da nova serie KDE4 variou entre as distintas distros, pero case todas foron adoptando a nova serie durante o transcurso do ano 2008. Algunhas das grandes distribucións, coma Fedora e openSUSE, incluíron a versión 4.0 de KDE nos seus lanzamentos. Outras, coma Mandriva Linux, só o incorporaron no último trimestre do 2008, xa na versión 4.1.

As principais distribucións que inclúen KDE son: Arch Linux, CentOS, Debian, Freespire, Kubuntu, Mandriva Linux, openSUSE, PClinuxOS e Xandros. Do mesmo xeito, KDE aparece nos sistemas operativos derivados de BSD, coma DesktopBSD, FreeBSD, NetBSD, OpenBSD ou PC-BSD. Hai outros vendedores de UNIX que distribúen produtos con KDE. AIX Toolbox, de IMB, inclúe coma escritorios tanto GNOME coma KDE. Así mesmo, Solaris inclúe o ambiente de escritorio nos seus produtos. OpenSolaris tamén é compatible con KDE.

Mac OS X[editar | editar a fonte]

En Mac OS X xa existira un certo grao de soporte para determinadas aplicacións durante a terceira serie de KDE, completándose este soporte na cuarta serie.

Windows[editar | editar a fonte]

A migración das librerías de Qt a Windows comezou no ano 2002. Este feito é o que permitiu que se puidese formar o equipo de migración de KDE a Windows.

Sinais de identidade do proxecto[editar | editar a fonte]

A sinal de indentidade máis relevante de KDE é o "k", e tanto a icona do escritorio coma a meirande parte dos programas teñen este distintivo. Ao longo das diferentes versións do escritorio usouse un K branco asociado a un temón. Actualmente este símbolo aparece enmarcado dentro dun cadrado azul de aspecto acristalado.

As mascotas do proxecto son dous dragóns verdes chamados Konqui e Katie. Durante a segunda serie de lanzamentos, o logo de KDE foi Kandalf, mais as súas similitudes coa personaxe de Gandalf de O Señor dos Aneis de J.R.R. Tolkien fixeron probablemente que máis tarde se cambiase por Konqui.

As aplicacións de KDE adoitan comezar ou conter un "k" no seu nome. A moitas aplicacións déuselle un nome comezado por "c" ou "q" e trocouse polo "k", outras simplemente engaden o "k" antes, coma KOffice, ou despois, coma Amarok. Dende o comezo da nova serie 4 a tendencia é a se aplique esta última regra de nomenclatura das aplicacións, engadir un "k", ou directamente non facelo. Así, o xestor de ficheiros que se introduciu para KDE4 chamóuselle Dolphin, o visor de imaxes Gwenview, e a aplicación para aprender vocabulario Parley.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns Externas[editar | editar a fonte]