Limiar de pobreza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Liña de pobreza»)

En economía, o limiar de pobreza (coñecido tamén como soleira de pobreza ou liña de pobreza) é o nivel de ingresos por debaixo do cal unha familia é incapaz de satisfacer as necesidades dos seus membros. Na práctica, coma na definición de pobreza para a que tampouco existe unha única definición, discútese como e onde situar a liña de pobreza. Diferentes países tenden a usar diferentes limiares de pobreza. O limiar de pobreza que se usa nas nacións desenvolvidas é xeralmente máis alto có que usan os países do Terceiro Mundo.

Cando se fan comparacións internacionais co obxecto de comparar niveis de benestar económico entre varios países emprégase un mesmo limiar de pobreza servíndose de datos expresados en paridade de poder adquisitivo (en inglés PPP 'purchasing power parity'). Comparando o poder adquisitivo dos fogares poden salvarse as flutuacións de cambio e franquearse as diferenzas entre os prezos das distintas economías.

Cando se di que se vive por menos de 1 dólar ó día debe entenderse que o consumo diario de bens e servizos é comporable á cantidade de bens e servizos que se poden comprar nos Estados Unidos por $1. Os bens producidos por un mesmo e os servizos públicos tamén estarían comprendidos nesta medición. O limiar de pobreza é útil como ferramenta económica coa que medir as persoas que viven en pobreza e poñer en funcionamento reformas socioeconómicas coma os seguros de desemprego para reducir a pobreza.

Porcentaxe da poboación por país por debaixo do limiar de pobreza

Métodos para definir o limiar de pobreza[editar | editar a fonte]

Algunhas das maneiras máis usadas para delimitar a liña de pobreza son as seguintes:

  • As prestacións sociais. Se o estado garante uns ingresos mínimos (salario mínimo, pensión mínima etc.) ou é capaz de prover a seguridade social dos traballadores, ese nivel poderíase considerar como índice de pobreza. Esta é unha definición problemática posto que un goberno pouco inclinado á protección podería reducir os ingresos garantidos.
  • A renda per capita. Uns certos ingresos relacionados cos ingresos típicos. Isto exclúe os individuos máis ricos dos cálculos. Por exemplo, a OECD e a Unión Europea usa o 60% dos ingresos nacionais por fogar.
  • Unha cantidade relativa fixada no tempo que se axusta coa inflación.
  • Os cálculos do Banco Mundial. Esta instititución usa 1 dólar ó día como limiar de pobreza.

Pobreza absoluta[editar | editar a fonte]

Un home sen vivenda nas rúas de París

Existen varios métodos de avaliación absoluta da pobreza. Todos se basean en convencións normativas admitidas nun país ou nunha comunidade concreta. e Un deles é o fornecido polo Banco Mundial co criterio de 1 dólar (de 1990) por persoa e por día. Un limiar de 2 dólares é tamén correntemente empregado. O número de persoas por baixo do limiar de pobreza nun país é difícil de estimar. Por unha parte os países non teñen todos os medios de contar con estatísticas nacionais detalladas; por outra parte, sería necesario ter en conta actividades como o autoconsumo ou o acceso a servizos públicos.

Para que a medida sexa absoluta, o limiar debe ser o mesmo en diferentes países. Esta medida debería considerar só o poder do individuo para consumir e debería ser independente dos cambios na distribución dos ingresos. A intuición detrás dunha medición absoluta é que a sobrevivencia precisa a mesma cantidade de bens en todo o mundo e que todo o mundo debería estar suxeito ós mesmos estándares se se trata de facer unha comparación significativa. Debe facerse notar que se os ingresos reais nunha economía medran e os ingresos distributivos non cambian, a pobreza absoluta declinará.

Ademais, o índice de pobreza absoluta pode declinar aínda que a desigualdade estea medrando, polo menos en tanto os máis pobres consigan uns ingresos reais máis altos cós que tiñan antes.

Este tipo de cálculo é moitas veces contrastado con cálculos de pobreza relativa, que clasifican os individuos ou familias como "pobres", non comparándoos cun corte determinado, senón comparándoos con outros na poboación estudada.

O termo pobreza absoluta úsase tamén como sinónimo de pobreza extrema.

Pobreza relativa[editar | editar a fonte]

Este cálculo tén en conta o nivel de vida dun país. O máis frecuente utiliza unha fracción dos ingresos medios: 50% para Francia, 60% para a Unión Euroepea (Eurostat). O limiar reflite así a evolución do nivel de vida do conxunto da poboación, o que é asemade unha vantaxe (a noción de pobreza é relativa) e un inconveniente (se o ingreso de cada habitante aumenta o 20%, o limiar tamén aumenta o 20% e o número de pobres continúa inmutable sen aparecer o progreso por ningures).

Os cálculos da pobreza relativa son case os mesmos cós empregados para medir a desigualdade: se unha sociedade se fai máis igualitaria, se ten unha distribución dos ingresos máis igualitarios, a pobreza real decrece. Segundo isto, hai quen argumenta que o termo pobreza relativa debería ser cambiado polo de 'desigualdade'. Nese sentido, se a sociedade cambiase de maneira que desfavorecese as familias con maiores ingresos máis que as que teñen menos ingresos, a pobreza relativa decrecería pero todos os cidadáns da sociedade estarían peor. De igual xeito, na dirección inversa: nos últimos séculos, moitos países rebaixaron a súa pobreza absoluta, aumentando a súa pobreza relativa.

A frase pobreza relativa tamén se usa no sentido de "pobreza moderada", por exemplo, cando o nivel de ingresos ou estándares de vida satisfán as necesidades básicas (como auga, alimentación, vestido, vivenda, e servizos médicos básicos), pero continúan sendo significativamente máis baixos cós da poboación considerada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]