Le fantôme de la liberté

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A fantasma da liberdade
Ficha técnica
Título orixinal Le fantôme de la liberté
Director Luis Buñuel
Produtor Serge Silberman
Guión Luis Buñuel
Jean-Claude Carrière
Intérpretes Jean-Claude Brialy, Monica Vitti, Milena Vukotic, Michael Lonsdale, Pierre-François Pistorio, Hélène Perdrière, Marie-France Pisier, Adriana Asti, Jean Rochefort, Julien Bertheau, Michel Piccoli
Fotografía Edmond Richard
Montaxe Hélène Plemmianikov
Ano 1974
Duración 104 min.
País Francia
Xénero Drama

Le fantôme de la liberté ("A pantasma da liberdade") é un filme coproducido entre Francia e Italia, dirixido en 1974 por Luis Buñuel. Trata dunha película na que os fantasmas habituais no cine de Buñuel aparecen en todo o seu apoxeo e na que se retoman algúns temas e constantes propios do surrealismo. Distintas historias entrecrúzanse, saíndo temas como a relixión, o poder, as convencións sociais.

Argumento[editar | editar a fonte]

A película divídese en 14 capítulos unidos por un personaxe distinto. Buñuel xa probara esta forma de dirixir en L'âge d'or, cos amantes como fío condutor. A historia comeza en Toledo, en 1808, cando as tropas napoleónicas asaltan a cidade. Un dos soldados bica a estatua dunha muller e é agredido por outra dun home. O mesmo soldado, para vingarse, profana a tumba de dona Elvira. A voz en off dunha señora nárranos a historia; cando esta se encontra coa palabra "parafernalia", cambian o espazo e o tempo, e encontrámonos nun parque da actualidade.

Dúas cativas están cun home sospeitoso, supostamente pederasta, que lles entrega unhas postais aparentemente pornográficas. Nun apartamento, un home que resulta ser o pai dunha das nenas exclama "Non soporto a simetría" contemplando unha escena simétrica. Cando el e a súa dona descobren as postais da súa filla pódese ver que eran totalmente inofensivas, mais provocaran a excitación dos personaxes. Cando ambos van durmir, aparecen na habitación, por esta orde: un galo, unha muller cun reloxo de peto e unha candea, un carteiro con bicicleta, que lles entrega unha carta, e unha avestruz. Despois disto o home vai ao médico e este recoméndalle que vaia a un psicanalista. Unha enfermeira entra no despacho coa intención de que lle deixen saír antes para visitar ao seu pai enfermo e troca o rumbo da historia.

En camiño, pola estrada, a enfermeira atópase cun tanque, e uns soldados, que lle preguntan se viu raposos polo camiño. Pasa a noite nun establecemento no que tamén se encontran varios monxes, un guitarrista e unha bailadora, un matrimonio masoquista e unha muller co seu amante, que é á súa vez o seu sobriño. Á mañá seguinte a enfermeira disponse a ir a Argenton; un home que se encontra alí pídelle amablemente se o pode levar. Cando os dous chegan a Argenton, o home despídese del e cambia novamente o curso da historia.

O home é un inspector de policía que se dirixe a unha academia de policía. O inspector conta aos seus alumnos unha cea que tivo coa súa muller e uns amigos na súa casa. Nesa cea os invitados sentábanse sobre retretes e empezaron a falar dos produtos tóxicos que contaminan o mundo. O inspector de policía érguese para ir ao cuarto de baño, onde se pon a comer. Dous dos alumnos comunican que se teñen que ir. Paran a un condutor que excede en velocidade e volve a cambiar o curso de la historia.

O condutor vai a unha cita co seu médico, este anúncialle que ten cancro e pouco despois ofrécelle un cigarro, o paciente dálle un lapote e vaise. O mesmo personaxe regresa a casa, recibe unha chamada telefónica e dinlle que a súa filla non está na escola. Cando chega ao colexio, xunto á súa muller e a coidadora, obsérvase que a súa filla está alí, mais por algunha razón non se dan conta. Os pais van a denunciar a desaparición á comisaría. O comisario dille a un dos axentes que vaia limparse os zapatos, este vainos limpar a unha zapataría; no momento en que sae dela a trama volve a cambiar e xira arredor do segundo cliente da zapataría.

O cliente é un francotirador que comeza a disparar indiscriminadamente ás persoas desde un trixésimo piso. O francotirador é detido e condenado a pena de morte. Trala sentenza o francotirador é liberado e posto en liberdade. Unha voz en off nárranos o proceso do francotirador. A situación volve a cambiar e chegamos ao último capítulo: o comisario informa ao pai da nena desaparecida de que a encontraron. Cando o comisario se dispón a ler o informe, a súa secretaria avísao de que ten unha reunión importante e vaise para un restaurante, sen ter rematado a lectura do informe. Unha muller entra no restaurante e o comisario, asombrado polo parecido físico que garda coa súa irmá morta, cóntalle a historia dun caloroso verán no que a súa irmá tocaba núa o piano. Mentres falan da morte da súa irmá, o camareiro recibe unha chamada para o comisario de parte de quen di ser a súa irmá. Tras darse conta de que realmente se trata da súa irmá, diríxese ao cemiterio a profanar o seu sartego.

O comisario é detido polos policías. Á mañá seguinte é levado ante outro segundo comisario, que ocupa o seu posto. Despois dunha conversa tranquila, ambos vanse ao zoolóxico, onde se escoitan berros dun grupo de xente dicindo "vivan as cadeas". O segundo comisario ordena aos seus homes cargar armas e logo o primeiro que disparen. Unha avestruz mira fixamente cara a cámara, mentres de fondo se escoitan badaladas e disparos.