José Piñeiro González
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 15 de decembro de 1878 Mugardos, España |
| Morte | 3 de febreiro de 1927 Santiago de Compostela, España |
| Causa da morte | morte natural |
| Lugar de sepultura | cemiterio de Boisaca |
| Actividade | |
| Ocupación | Piloto |
| Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Enciclopedia Galega Universal, |
José Piñeiro González, coñecido como Aviador Piñeiro, nado no lugar do Seixo, na parroquia de Franza, en Mugardos o 15 de decembro de 1878 e finado en Santiago de Compostela o 3 de febreiro de 1927,[1] foi un aviador galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Estudou para maquinista mercante e despois instalouse en Sanxenxo, onde seu pai era axudante de Mariña, e montou unha fábrica de gasosas.
En 1912 asistiu a unha exhibición de aviación do piloto francés Vedrines nas festas da Peregrina en Pontevedra, e decidiu vender a fábrica para marchar a Francia e formarse como piloto. Realizou as primeiras acrobacias en Ferrol o 6 de maio de 1913 durante a botadura do acoirazado Afonso XIII. Participou na construción do aeródromo de Baltar no que adoitaba voar. Convidado pola colectividade galega da Arxentina e Cuba, realizou voos acrobáticos nos que incluíu o salto da morte. En decembro de 1914 realizou o primeiro voo invertido (looping the loop) en Cuba. De volta en España, tomou parte en varios concursos ata a súa retirada en 1921. Realizou os seus voos acrobáticos cun avión de só 50 CV de potencia. Foi famosa a súa acrobacia denominada "O voo da gaivota", consistente en tocar cunha á o mar e volver levantar o voo. Con el voou Elisa Patiño Meléndez, considerada a primeira galega piloto.[2]
En 1923 foi vivir a Santiago de Compostela, acompañando o seu fillo que estudaba na Escola Normal.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Monumento ao aviador Piñeiro.
-
Estatua do aviador Piñeiro.
-
Placa Rúa Aviador Piñeiro en Ferrol.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ecos compostelanos". El Ideal Gallego. 4 de febreiro de 1927. p. 1.
- ↑ Milagros Bará (4 de maio de 2016). "Chichana Patiño, el hada de Piñeiro". Diario de Pontevedra (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía Arquivado 06 de setembro de 2018 en Wayback Machine. na Buxaina Arquivado 06 de setembro de 2018 en Wayback Machine., revista dixital do Departamento de Ciencias do IES Francisco Asorey.
- Noticia en La Voz de Galicia