Saltar ao contido

J. Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
J. Castro Sociedad en Comandita. Fábrica Hispano-Suiza de Automóviles

Automóbil Castro de 1902.
FundaciónNovembro de 1902
DisoluciónMarzo de 1904
LocalizaciónBarcelona, Cataluña
Persoas claveJosé María Castro Fernández
Marc Birkigt
IndustriaTransporte
ProdutosAutomóbiles
editar datos en Wikidata ]

J. Castro ou simplemente Castro foi unha empresa catalá fabricante de automóbiles operativa en Barcelona entre os anos 1902 e 1903 (disolveuse ao ano seguinte).

De La Cuadra a Castro

[editar | editar a fonte]

O empresario galego José María Castro Fernández, nado en 1845 en Trebolle (A Torre, O Páramo), foi destinado en 1897 a Vic para dirixir a delegación do Banco Vitalicio de España.[1][2]

Tras o colapso da marca La Cuadra en 1901, Castro, principal acredor da firma, en sociedade con outros emprendedores, entre os que se atopaba Marc Birkigt (que será o director técnico da compañía), decidiu proseguir a fabricación dos autos e creou en novembro de 1902 a J. Castro Sociedad en Comandita, Fábrica Hispano-Suiza de Automóviles, adquirindo as instalacións, equipos e autos en construción, e facéndose coa maioría do equipo humano. Os automóbiles serán comercializados desde entón coa marca Castro.

A actividade da nova fábrica, situada en Barcelona na rúa de Floridablanca, empezou por rematar os vehículos que quedaran a metade de fabricación en De la Cuadra.

Unha vez trasladada a fábrica, xa en 1903, presentouse un novo modelo moi avanzado, o 10 HP, cun motor de 1884 cc cos dous cilindros fundidos nun único bloque e con radiador de niño de abella, cambio de 4 velocidades, transmisión por cardán, e instalación eléctrica con dínamo opcional, toda unha demostración do talento de Birkigt. Deste modelo vendéronse varios exemplares, e este éxito animou á marca a fabricar poucos meses despois un modelo máis ambicioso, o 14 HP, con motor de 4 cilindros e 2412 cc e, por descontado, coas vangardistas solucións xa vistas no 10 HP. Seica chegou a producirse tamén unha variante potenciada do 10 HP, o 12 HP.

De Castro a Hispano-Suiza

[editar | editar a fonte]

Aínda que os Castro se consideraron no seu tempo uns coches excelentes por calidade e por manexo, a empresa, falta de recursos económicos, nos últimos meses de 1903 entrou en crise. O 11 de decembro dese ano pecháronse definitivamente os talleres e en marzo de 1904 disolveuse a sociedade.[3]

Castro, como tal, parece que vendeu tan só 8 ou 10 unidades entre 1902 e 1903,[4] aínda que a súa estrutura, recapitalizada convenientemente, terá continuidade co nome de Hispano-Suiza, e así serán terminados e vendidos en 1904 outros dous exemplares que serán catalogados como Hispano-Suiza tipo 10 T. O 14 HP será a base do primeiro dos Hispano-Suiza, o tipo 14, mentres o T 20 ou 20 HP tamén provén dun concepto iniciado por Birkigt na etapa Castro.

  1. La marca iniciada por un gallego que plantó cara a Mercedes y Rolls Royce: La Hispano-Suiza (22-01-2023). El Español.
  2. "Castro". vehiculoclasico.es (en castelán). 17 novembro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2016. 
  3. Castro (1902-1903). Autopasion18.com.
  4. Así eran los primeros coches fabricados en España (12-03-2019). Diario ABC.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gimeno Valledor, P. (1993). El automóvil en España. Su historia y sus marcas. Madrid: Real Automóvil Club de España.