Improved TIROS Operational System

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Improved TIROS Operational System (ás veces denominados Improved TIROS Operational Satellite) ou ITOS foron unha serie de satélites meteorolóxicos de segunda xeración dos Estados Unidos.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Os satélites ITOS foron os sucesores dos satélites meteorolóxicos TIROS, dos cales TIROS-M foi o seu prototipo. Eran satélites en órbita heliosíncrona operados pola Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA), da que tamén reciben a súa outra denominación, NOAA. Lanzáronse oito satélites ITOS en total entre 1970 e 1976, dos cales dous fallaron por problemas nos seus foguetes lanzadores. Os satélites ITOS pódense dividir en dúas familias.[1]

Un satélite ITOS en preparación para o lanzamento.

ITOS 1 (TIROS M), ITOS A (NOAA 1) e ITOS B[editar | editar a fonte]

TIROS M foi o prototipo dos satélites ITOS, mentres que ITOS A foi en primeiro en recibir a denominación NOAA (NOAA 1) e ITOS B fallou por problemas co seu vehículo lanzados. Cada satélite levaba a bordo dúas cámaras de televisión, dúas cámaras Vidicon, un radiómetro de baixa resolución, un monitor de protóns solares e dous radiómetros para o infravermello e que tamén funcionaban como respaldo para as cámaras. Os satélites tiñan forma aproximada de cubo de arredor de 1 m de longo, coas cámaras apuntando verticalmente cara a Terra. Levaban tres paneis solares curvados, cada un duns 4,2 m de longo, e mantiñan a súa orientación mediante xiroscopios. Todos foron lanzados mediante foguetes Delta N6.[2][1]

ITOS D (NOAA 2), ITOS E, ITOS F (NOAA 3), ITOS G (NOAA 4) e ITOS E2 (NOAA 5)[editar | editar a fonte]

Tratábase de satélites ITOS reconfigurados e lanzados con novos sensores para mellorar a capacidade do sistema. Foron os primeiros satélites meteorolóxicos en usar unicamente radiómetros para estudar a capa de nubes. Levaban a bordo un radiómetro de moi alta resolución, un radiómetro para facer perfís de temperatura vertical e un radiómetro de exploración. Polo demais en forma e tamaño eran similares aos primeiros ITOS. Foron lanzados por foguetes Delta 300 e Delta 2310[3][1]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Misión[1][2][3] Data de lanzamento[1][2][3] Foguete lanzador[1][2][3] Notas[1][2][3]
ITOS 1 (TIROS M) 23 de xaneiro de 1970 Delta N6 Éxito
ITOS A (NOAA 1) 11 de decembro de 1970 Deltan N6 Éxito
ITOS B 21 de outubro de 1971 Delta N6 Fallo
ITOS D (NOAA 2) 15 de outubro de 1972 Delta 300 Éxito
ITOS E 17 de xullo de 1973 Delta 300 Fallo
ITOS F (NOAA 3) 6 de novembro de 1973 Delta 300 Éxito
ITOS G (NOAA 4) 15 de novembro de 1974 Delta 2310 Éxito
ITOS E2 (NOAA 5) 29 de xullo de 1976 Delta 2310 Éxito

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2020). "ITOS" (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "NOAA 1 / ITOS A, B, C / TIROS-M" (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "NOAA 2, 3, 4, 5 / ITOS D, E, E2, F, G, H" (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]