Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra
Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra | |
---|---|
Exterior do templo | |
País | España |
Localización | Fisterra |
Coordenadas | 42°54′05″N 9°15′50″O / 42.90138889, -9.26388889 |
Estilo | Arte románica |
[ editar datos en Wikidata ] |
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
A igrexa de Santa María das Areas de Fisterra é o templo parroquial de Santa María de Fisterra. Foi declarada xunto co monte e ermida de San Guillerme Conxunto Histórico e Ben de Interese Cultural en 1985[1].
Situación
[editar | editar a fonte]Sitúase ao pé do monte do Cabo, no que se sitúa o Promontorium Nerium, sobre a praia de Corveiro. Queda preto do cabo Fisterra, fin da última etapa do camiño de Santiago.
Historia
[editar | editar a fonte]Posiblemente está situado sobre un antigo poboado castrexo. Atribúeselle a súa fundación a Urraca Fernández, filla do Conde de Traba, que en 1199 fixo un escrito de doazón que indica V. modios de pane et tertian vacarum mearum de montealto. Ad opus ecclesie Ste. Marie de finibus terre.
A primeira etapa da construción data do século XII. Desta época son a arcada, o muro lateral do antigo nártice (que aínda se conservan) e a nave central, que presentan as características típicas do estilo románico. Nunha segunda etapa, no século XIV ou XV, foron engadidos elementos góticos: a capela do Carme, o altar maior e o baptisterio, con bóvedas de crucería.
O templo foi levantado como templo mixto. Porén, non presenta a forma típica das igrexas de peregrinación (carece de deambulatorio), pois posiblemente a veciña ermida de San Guillerme fose o punto de culto xacobeo principal. Posiblemente foron aproveitados para a súa construción os muros do antigo Hospital de peregrinos, o que explicaría a súa forma estraña e infrecuente.
Edificio
[editar | editar a fonte]A igrexa está construída con granito do país. Conta cunha nave central, orientada cara ao oeste, cuberta por tellado de madeira e tella vermella do país, con poderosos contrafortes e escasos vans, típico do románico. A nave está precedida por un nártice de características góticas, con escalinata para acceder ao campanario, de tellado piramidal e planta cadrada.
No lado norte da nave están o baptisterio, a capela gótica do Carme, con bóveda de crucería e arco apuntado no acceso, a Porta Santa (un arco rodeado dos emblemas señoriais de familias principais, que só se abre nos Anos Santos Xacobeos para a entrada de peregrinos) e a capela do Santo Cristo, de planta cadrada e con cúpula de media laranxa e lanterna, decorada con profusión no exterior. Nela consérvase a imaxe do Santo Cristo de Fisterra, que segundo a tradición chegou á aldea entre os séculos XII e XIV.
A porta principal conta cun pórtico sen parteluz de dúas arquivoltas, cuxos detalles ornamentais están en boa parte destruídos polo mal da pedra. No lado sur están a capela gótica do Sagrado Corazón e a sancristía. O altar maior é gótico, e foi engadido á nave central no seu extremo oriental, con bóveda de crucería e de menor altura que o teito da nave principal.
No extremo occidental, fóra do edificio, hai unha arcada románica formada por cinco arcos de medio punto unidos, que formaban parte do antigo nártice románico do que só se conserva parte do muro meridional.
Tanto o templo como a súa ornamentación viuse sempre influenciado polas correntes arquitectónicas aplicadas na catedral de Santiago e polo influxo do camiño de Santiago.
O campanario, de grande sobriedade ornamental, foi erixido entre os séculos XV e XVI, xa en estilo renacentista.
Na igrexa custódianse as pequenas campás usadas nas procesións do Corpus. Estiveron ocultas no interior do templo durante moito tempo polo medo á pillaxe por parte de naves francesas, algo común hai varios séculos. que por esas datas devastaban estas costas, saqueando as igrexas. En 1890, durante unhas obras de reforma, foron recuperadas.
A mediados do século XX retirouse a capa branca de cal que cubría as paredes, descubrindo multitude de inscricións medievais, escudos e tumbas.
Culto
[editar | editar a fonte]Entre as figuras existentes no templo están o Santo Cristo de Fisterra, a Nosa Señora do Monte Carmelo, Nosa Señora das Areas (patroa da vila), San Roque, Santiago Apóstolo, a Nosa Señora do Perpetuo Socorro, Nosa Señora das Dores, San Xoán Evanxelista, o Cristo articulado sacado en procesión na Semana Santa, e o Paso da Oración na Horta.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Sagrario.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Relación de BIC en Galicia" (PDF). Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Eduación e Ordenación Universitaria. Consultado o 2016-08-23.[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra |