Igrexa de San Salvador de Taragoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°40′25″N 08°49′42″O / 42.67361, -8.82833

Campanario

A igrexa de San Salvador de Taragoña é un templo relixioso situado na parroquia de Taragoña, no concello de Rianxo, sendo a única igrexa da parroquia.

Historia[editar | editar a fonte]

A igrexa é de recente construción, se ben a data de edificación é descoñecida, a da súa reconstrución foi no ano 1863; a torre executouse no ano 1865.

Descrición[editar | editar a fonte]

O edificio consta dunha nave cunha capela maior, sancristía, dúas capelas laterais e unha torre campanario. Ten por dimensións exteriores máximas 15,75 metros de anchura e 28,00 metros de longo.

A nave principal é dun só tramo e está cuberta cunha bóveda rebaixada de ladrillo; sinxelos arcos de medio punto ábrense sobor a capela maior e ambas capelas laterais. A capela maior é a prolongación da nave, e ó igual que esta cóbrese cunha bóveda rebaixada de ladrillo. Sobre a zona de entrada hai unha tribuna de madeira, á que se chega por unha esqueira de caramecha metálica. Os paramentos internos estiveron revestidos por morteiro.

A sancristía é un corpo engadido detrás da capela maior, e a ela accédese por dúas portas laterais abertas no muro que separa a ambas; cóbrese igualmente cunha bóveda rebaixada de ladrillo. As dúas capelas, unha no lado do evanxeo, e no lado da epístola a outra, cóbrense cunha bóveda de canón.

A torre é de planta cadrada, exterior á igrexa e sitúase no lateral da epístola, detrás da capela. Chégase ó campanario por unha esqueira de caramecha desenrolada no interior da torre, con entrada polo exterior do templo.

A porta principal, rectangular, ábrese na fachada anterior; orientada cara á ría de Arousa; sobre ela hai un oco limitado pola parte superior cun semiarco. A ámbolos lados da fachada álzanse dous corpos saíntes de xenerosa anchura que se unen na súa parte alta por un remate horizontal, todos eles con estrías e acanaladuras. Un dobre beiril inclinado conduce a un remate en piñón coa cruz.

As fachadas restantes son sinxelas e sen notoriedades. Unha porta lateral ábrese no lado da epístola, antes da capela. A torre elévase en catro corpos ben definidos e limitados por saíntes horizontais con molduras.

A cuberta está resolta con tella a tres augas; as vertentes laterais prolónganse no senso da pendente para acubillaren tamén as capelas laterais.