ISO 14000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Certificado ISO 14001.

ISO 14000 é unha normativa internacional da Organización Internacional para a Estandarización (ISO) para a xestión ambiental nas empresas e organizacións publicada en 1996 e orientada a entidades da calquera tamaño. A ISO 14000 está baseada na norma británica BS7750 da British Standards Institution (BSI) anterior á Reunión Mundial da ONU sobre o Medio Ambiente (ECO 92).

O procedemento de certificación ten unha duración aproximada de entre 12 e 18 meses, en función da complexidade dos procesos involucrados, a perigosidade da empresa industrial, o seu tamaño, a dispersión xeográfica da empresa, as melloras a aplicar e outras variables. A norma non establece obxectivos ambientais, nin en función do tipo e volume de residuos xerados. Tampouco medidas correctivas para previr a produción de residuos e contaminación. Establece un procedemento para facer melloras nos procesos ambientais.

Norma de certificación[editar | editar a fonte]

Aviso ISO 14000.

Antes do inicio da certificación a organización debe someterse a unha auditoría ambiental. Nesa primeira avaliación deben identificarse e caracterizarse adecuadamente os contaminantes e a situación da organización fronte ás normas. Deben ser definidos os parámetros ambientais de cumprimento obrigatorio segundo establezan as normas obrigatorias europeas, nacionais, autonómicas, provinciais, sectoriais ou municipais. En Galiza son os concellos os que fixan estes mínimos en canto a recollida selectiva e reciclaxe. Esta primeira avaliación serve para desenvolver as primeiras medidas correctivas e preventivas para obter a cualificación e o bo funcionamento do plan de xestión ambiental.

Para acadar unha xestión ambiental certificada, as organizacións teñen que:

1- Definir unha política ambiental propia.

2- Desenvolver unha cultura de preparación e actuación ambiental activa.

3- Identificar os aspectos ambientais relacionados cos seus procesos produtivos e organizativos e identificar os seus impactos significativos.

4- Establecer obxectivos para a introdución de melloras na súa xestión ambiental. Definir funcións e responsabilidades e efectuar as accións correctivas e preventivas necesarias.

5- Facer controis obxectivos do progreso ou deficiencias na xestión ambiental (avaliar o sistema con auditorías internas).

6- Crear sistemas eficaces de documentación ambiental, definir os rexistros necesarios e os procedementos para o seu mantemento.

7- Cumprir con leis, normativas e regulacións ambientais.

8- Desenvolver un plan de comunicacións para o persoal e dirección, de xeito que todos estean informados dos avances na xestión medioambiental.

9- Establecer un procedemento de auditoría e certificación do sistema de xestión ambiental por auditores independentes e guías para a avaliación de produtos e etiquetado.

Normas relacionadas[editar | editar a fonte]

A normativa ambiental inclúe unha familia de normas relacionadas:

  • ISO 14000 Establece os principios ambientais, sistemas e técnicas empregadas.
  • ISO 14001 Sistema de xestión ambiental. Especificacións de uso.
  • ISO 14010 Principios xerais de auditoría ambiental.
  • ISO 14011 Directrices e procedementos para as auditorías.
  • ISO 14012 Guías de consulta para a protección ambiental. Criterios de cualificación para os auditores ambientais.
  • ISO 14013/15 Guías de consulta para a revisión ambiental. Programas de revisión, intervención e gravames.
  • ISO 14020/23 Etiquetado ambiental.
  • ISO 14024 Principios, prácticas e procedementos de etiquetado ambiental.
  • ISO 14031/32 Guías de consulta para a avaliación de funcionamento ambiental.
  • ISO 14040/4 Principios e prácticas xerais do ciclo de vida do produto.
  • ISO 14050 Glosario e terminoloxía.
  • ISO 14060 Guía para a inclusión de aspectos ambientais nos estándares de produtos.